O BNG pedirá o luns na comisión que se recupere o hotel San Roque para uso publico

O BNG pedirá o luns na comisión que se recupere o hotel San Roque para uso publico

postal hotel“Entendemos que o informe nos dá a razón e que non hai ningunha excusa máis para manter ese contrato en pé xa que se incumpre sistematicamente”

Betanzos, 6 de marzo de 2015. O BNG reclamará na comisión do Hotel, convocada para este luns, que o goberno local actúe dunha vez diante da situación do Hotel San Roque. “Convocaron de novo a comisión de investigación para este luns e levan un informe que contrataron a un avogado privado sobre o tema”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “así que agardamos que dunha vez adopten unha resolución e fagan algo neste tema”.

Os nacionalistas insisten en que se recupere “para uso público” o hotel Complejo San Roque, que permanece pechado ultimamente. “O goberno local achegounos o informe deste avogado, que respalda a nosa tese de que o contrato do aluguer pode resolverse sen ter que pagar ningunha indemnización porque se está incumprindo”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Entendemos que o informe nos dá a razón e que non hai ningunha escusa máis para manter ese contrato en pé xa que se incumpre sistematicamente”, sostén o voceiro nacionalista. “Se non paga, a un veciño ou veciña con dous cativos déixano na rúa, así que non pode ser que esta empresa siga aí sen pagar nada”, engade.

Desde o BNG recordan que o edificio do antigo Asilo Manuel Naveira foi cedido ao Concello polos herdeiros do benefactor para darlle un uso cultural ou asistencial. Neste sentido, entenden que tanto pola ubicación como pola actual distribución que ten “fai un xeriátrico público perfecto” que, ademais, complementaría o centro de día público no antigo ambulatorio que leva anos prometido e sen se concretar. “En calquera caso, calquera uso público que o Concello lle poida dar é mellor que ter o edificio pechado e non recibir un só euro polo alugueiro nin polos impostos. Polo menos a veciñanza podería desfrutar del”, indicou Del Río.

Sobre a outra parte do negocio, o estacionamento soterrado e o ‘museo-degustación’ que en realidade é unha cafetería-restaurante, desde o BNG tamén teñen claro que “se non cumpren co contrato e non hai intención de cumprir, como demostran os feitos, non ten sentido manter a concesión”. “Ademais o informe di que en caso de que se teña que executar a hipoteca que fixo o empresario polo dereito de concesión, que xa saíu a poxa, non hai que indemnizar”, engaden. “Resolver ambos contratos é o lóxico porque non ten sentido esta situación”, aseguran desde o Bloque.

O BNG recorda que “nós xa pedimos na Fiscalía que se depuren as responsabilidades penais que poida haber en toda esta situación”. “Por un tema ético, esperamos que o PSOE teña aínda un pouco de decencia e asuma as súas responsabilidades políticas despois de permitir durante toda esta lexislatura esta situación e non tomar ningunha medida para solucionalo”, engadiu Del Río. “Pensamos que alguén terá a responsabilidade sobre esta situación que provocou impagos aos traballadores, á Seguridade Social, débedas con outras empresas da comarca… e pensamos que antes de presentarse de novo as eleccións o propio PSOE debe depurar esas responsabilidades” conclúen os nacionalistas.

O BNG pedirá o luns na comisión que se recupere o hotel San Roque para uso publico