O BNG non participará no acto institucional do 25 de novembro

O BNG non participará no acto institucional do 25 de novembro

“Non imos avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que poñerán en escea un xesto teatral contra a violencia de xénero porque mañá é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario”.

Betanzos, 24 de novembro de 2012. O BNG anunciou que non participará na concentración institucional convocada polo executivo local con motivo do Día contra a Violencia Machista, que se celebra mañá. “Non imos avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que poñerán en escea un xesto teatral contra a violencia de xénero porque mañá é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario”, indican os nacionalistas.

“Violencia de xénero tamén é a opinión de Castelao Bragaña (que afirmou que “as leis, como as mulleres, están para violalas”) e aínda o PP non o expulsou”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Polo tanto, até que o PP expulse a este individuo non podemos compartir ningún acto sobre violencia machista co PP”, concluíu. Os nacionalistas, ademais, reprochan aos conservadores que “as taxas xudiciais que ven de impoñer o goberno do PP tamén son violencia machista en tanto que van impedir que moitas mulleres denuncien os tratos vexatorios que padecen”.

Na mesma liña, segundo o BNG “violencia contra as mulleres tamén é prohibir que as mulleres poidan decidir sobre o seu corpo e impoñer lexislación regresiva que obriga ás mulleres a ser nais”.

Os reproches do BNG tamén alcanzan ao goberno municipal do PSOE. “Non se pode facer o paripé o 8 de marzo ou o 25 de novembro e logo negarlle un local municipal a unha asociación de vítimas de violencia machista”, apuntan. Os nacionalistas recordan que o PSOE non admitiu unha emenda ao orzamento municipal presentada polo BNG para dotar orzamentariamente o plan de igualdade, que sen cartos para executalo é “pura propaganda”.

O BNG critica que tanto PP como PSOE negáronse a crear nos seus orzamentos, malia que o aprobou o Pleno, unha partida específica para axuda ás vítimas da violencia machista. Ademais, os nacionalistas acusan a PSOE e PP de promover o sexismo nas festas de agosto “e iso, promover valores sexistas, tamén é violencia contra as mulleres, como recoñece o Plan de Igualdade que nin PSOE nin PP queren levar á práctica”.

Por este motivo, o BNG rexeitou participar na redacción do manifesto “falto de contido e politicamente correcto” partillado por PSOE, PP e CxB, xa que “non pasa de ser unha declaración baleira de contido real”. Así, os nacionalistas decidiron non participar na “pantomima hipócrita de PSOE e PP” o 25 de novembro, como, por certo, tampouco secundará a asociación de mulleres vítimas de violencia existente en Betanzos.

O BNG organiza un cinefórum, mesa redonda e exposición o 4 de decembro

O BNG organizou, con motivo do Día contra a Violencia Machista, un acto público o vindeiro 4 de decembro. Consistirá na proxección dunha curta e unha mesa redonda coa participación de Ana Saavedra, da Asociación Mirabal, e de Goretti Sanmartín, responsábel da Comisión de Acción Feminista do Consello Nacional do BNG. A maiores, durante a xornada poderá visitarse a exposición “Castelao e a violencia contra as mulleres”, elaborada pola Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

O BNG non participará no acto institucional do 25 de novembro