O BNG levará ao Pleno a situación do Hotel e o estacionamento do “Complexo San Roque”

O BNG levará ao Pleno a situación do Hotel e o estacionamento do “Complexo San Roque”

postal hotel“Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente”.

“PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon”

Betanzos, 23 de xuño de 2014. O BNG reclamará no Pleno que o goberno local asuma as súas responsabilidades logo de consentir que a concesionaria do hotel e estacionamento “Complexo San Roque”, ubicado no antigo asilo de Bellavista, non pagase durante anos o que o Concello debía ingresar. “Máis unha vez atopámonos con que o PSOE só reclama á empresa que pague logo de que o BNG denuncie os impagos e exixa coñecer unha documentación que non hai, igualiño que pasou coa ORA”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Como xa denunciamos na nosa análise dos orzamentos, o PSOE ademais conta con que isto siga así”, engade. “Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente” abunda Del Río. “Aquí non paga ninguén pero logo á veciñanza o PSOE e o PP súbennos as taxas para que a compensemos esa falta de ingresos. Non se pode seguir permitindo, é indignante”, resume.

Aquí o hotel non paga, a ORA non paga, o aparcamento non paga e a concesionaria da auga e o saneamento leva todo o que cobra no recibo á xente

“PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon”, engadiu o voceiro nacionalista. “PP e PSOE compórtanse igual, gobernan en beneficio dos intereses das empresas concesionarias e non dos veciños e veciñas. Eles saberán porqué”, criticou Del Río.

“Quen sae beneficiado de todo isto?”, pregúntanse os nacionalistas. “Entendemos que a veciñanza non sae beneficiada porque o Concello non ingresa os cartos que debera para ofrecer servizos”, indican. Ademais, aseguran “mentres que para as concesionarias o goberno fai a vista gorda, para a veciñanza hai suba de taxas todos os anos”.

Desde o BNG recordan que tiveron que reclamar insistentemente que o goberno local informase sobre a situación do hotel logo de coñecer que a Seguridade Social o sacara a poxa por impagos no ano 2012. “O goberno do PSOE non informou sobre isto e enterámonos pola prensa da situación deste edificio municipal. É máis, cando se produciu o cambio de empresa que explota o hotel, o goberno local non só estaba ao tanto senón que nolo comunicou nunha reunión da que non levantaron acta nin achegaron documentación aos representantes da veciñanza” engaden. “Se naquela altura o PSOE tiña toda a información na man e nola transmitiu nesa xuntaza a porta pechada, non sabemos por que agora se fan os sorprendidos”, criticou Del Río.

PSOE e PP mantiveron a concesión sobre o hotel e o aparcamento a pesar de que se estaba a incumprir porque non pagaban o canon

O BNG recorda que votou en contra desta concesión no seu día. “O edificio foi cedido ao Concello para uso cultural ou educativo e o PSOE instalou nel un hotel que nada ten que ver con eses usos, e ademais por un canon ridículo”, explican. Aseguran que esta concesión, como a ORA, é a mostra “dos negocios ruinosos en que o PSOE meteu a Betanzos e cuxos platos rotos paga agora a veciñanza”.

O voceiro nacionalista exixiu ao goberno local de novo unha explicación sobre os ingresos das diferentes concesionarias do Concello. “O goberno local ten que explicarnos que vai facer coas empresas concesionarias que non supoñen ingreso ningún para o concello, porque non nos parece normal que un concello como Betanzos só pretenda ingresar neste ano 3000 euros por todas as concesións. O aparcamento do Campo, a ORA, o hotel ou Aquagest non supoñen beneficio ningún para Betanzos? Porque se manteñen estes contratos daquela?”, concluíu o voceiro do BNG.

O BNG levará ao Pleno a situación do Hotel e o estacionamento do “Complexo San Roque”