O BNG leva a Pleno a auga avolta da traída municipal

As queixas pola calidade da auga da traída son unha constante
O BNG leva a Pleno a auga avolta da traída municipal

Un vaso da auga que saía pola billa hai dúas semanas

“Mentres se sube o prezo da auga para que a concesionaria siga facendo negocio, a auga sae avolta un mes antes das primeiras chuvias do outono o goberno local mira para outro lado e busca excusas para desculpar as deficiencias do servizo”.

Betanzos, 30 de outubro de 2013. O BNG exixiu no Pleno explicacións ao goberno local polo aspecto que ofrece a auga do servizo municipal da traída desde hai máis dun mes. Os nacionalistas lembraron que o pasado 18 de outubro, nun xornal aparecía a “nova de que a concesionaria do servizo de auga recomendara a un veciño da rúa Noás non consumir a auga que saía da billa”.

A concelleira María Otero recordou que a citada información “que non foi rectificada polo goberno local, aseguraba que a concesionaria garantía a calidade da auga ao Concello”. Desde o BNG pregúntanse como “se a concesionaria recomenda non consumir a auga da billa, como pode ser que garanta a calidade da mesma”.

Desde o BNG recordaron que a auga da traída municipal ofrecía un aspecto similar ao “chocolate” xa “desde antes de que caeran as primeiras chuvias do outono” e exixen do goberno do PSOE unha “explicación seria” por este feito. “Realmente cren o que dixeron a pasada semana de que unha tala revolveu todo o Mendo, como se fose a primeira vez que se tala un monte na bacía do Mendo”, interpelaron ao goberno do PSOE.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, recordou que “o goberno local do PSOE subiu a taxa da traída o pasado ano para que a concesionaria non vise reducido o seu marxe de beneficios”. “Mentres se sube o prezo da auga para que a concesionaria siga facendo negocio, a auga sae avolta un mes antes das primeiras chuvias do outono”, resumiu, “e o goberno local mira para outro lado e busca excusas para desculpar as deficiencias do servizo”. “Que intereses está a defender o PSOE neste asunto?” pregúntase.

O BNG lamenta que o PP critique sen ofrecer alternativas

O BNG lamentou onte no Pleno que o PP faga unha “crítica por criticar” e non ofreza propostas alternativas. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, recriminou aos conservadores que utilizasen “como excusa” a proposta nacionalista de crear bolsas de estudos para o conservatorio para criticar novamente a taxa do Conservatorio proposta polo goberno do PSOE.

“O PP non ten ningunha proposta, quédase na crítica para mallar no PSOE” asegurou. “Nós propuxemos facer realmente progresiva a taxa do conservatorio e comarcalizalo, que propón o PP?” quixo saber. “Fusionar todos os concellos da comarca?”, ironizou. “Porque criticar a falta de iniciativa do PSOE é moi doado, pero a xente agradece que se dean alternativas”, asegurou.

“Por toda proposta o PP reitera mocións que xa trouxo máis veces ao Pleno e fai teatro co comedor escolar cando o PP desde a Xunta está a cobrar por este servizo que antes era gratuíto” denunciou. “Pretender reducir o debate político do Concello a reiterar obviedades sobre a seguridade viaria ou o amoblamento do pavillón é reducir a política local a unha comedia”, conclúen.

O BNG leva a Pleno a auga avolta da traída municipal