O BNG leva ao Parlamento a gasolineira da Magdalena

Del Río: “Habería que facer un desmonte incompatíbel coas disposicións da Lei do Solo”.

O BNG leva ao Parlamento a gasolineira da Magdalena

Del Río: “Habería que facer un desmonte incompatíbel coas disposicións da Lei do Solo”.

Betanzos, 27 de outubro de 2011. O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa a batería de iniciativas rexistradas no Parlamento de Galiza sobre a instalación dunha gasolineira a carón do CEIP Vales Villamarín. Na comparecencia participaron a deputada Ana Luísa Bouza, o voceiro municipal, Henrique del Río, e María Otero, do Consello Local do BNG.

Os nacionalistas pediron no Parlamento que as consellarías de Educación e Sanidade emitan informes sobre a ubicación da estación de servizo tendo presente a súa proximidade co centro de saúde e a zona escolar de Betanzos. Ademais, tamén piden que Patrimonio emita un informe ante a proximidade da gasolineira co camiño real da Condomiña, a capela da Magdalena ou o Pasatempo. “Non parece razoábel esta ubicación”, apuntou na presentación a parlamentar nacionalista.

Pola súa parte, Henrique del Río deu conta tamén das alegacións presentadas polo BNG. Os nacionalistas fundamentan a súa negativa á gasolineira no desmonte que habería que facer, “incompatíbel coas disposicións da Lei do Solo”.

Ademais da proximidade a unha fonte, a varios bens culturais e á zona escolar, deportiva e centro de saúde de Betanzos, os nacionalistas inciden no incremento do tráfico na zona e na ausencia de medidas correctoras para este impacto. Os nacionalistas achegan nas súas alegacións tamén un estudo que recomenda ubicar as estacións de servizo a cen metros de vivendas e centros educativos pola emisión de gases potencialmente canceríxenos.

Del Río lembrou que o BNG se viu obrigado a presentar un recurso para garantir os dereitos dos veciños. “O goberno local non publicou a apertura do prazo de información pública no DOG e isto xenera indefensión nos veciños”, explicou.

O BNG leva ao Parlamento a gasolineira da Magdalena