O BNG lanza unha campaña para explicar a situación da ORA

O BNG lanza unha campaña para explicar a situación da ORA

tarxetaORA“Botar sete anos permitindo que unha empresa cobre por aparcar nas nosas rúas sen pagarlle nada ao Concello é o suficientemente grave como para que o goberno local dea unha explicación á veciñanza”.

Betanzos, 16 de abril de 2014. O BNG presentou unha campaña para informar á veciñanza da situación en que se atopa a ORA, a zona azul de estacionamento de pago. Os nacionalistas acordaron dar este paso despois de que o goberno local do PSOE impedise que a moción para suprimir a zona azul da ORA fose debatida e votada no último Pleno.

“No Pleno de febreiro decidiron deixar o asunto encima da mesa para pedir un informe, pero o informe do secretario está feito desde o 14 de marzo e a pesar diso o PSOE non permitiu que se votase no Pleno a nosa moción” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Segundo o edil, “botar sete anos permitindo que unha empresa cobre por aparcar nas nosas rúas sen pagarlle nada ao Concello é o suficientemente grave como para que o goberno local dea unha explicación á veciñanza”.

Os nacionalistas lembran que o contrato da ORA, asinado en 2001 establecía unha duración de cinco anos, e a posibilidade de prorrogalo de xeito tácito anualmente despois. “A Lei de Contratos prohibe expresamente as prórrogas tácitas de contratos, e como o Pleno non prorrogou o contrato, non haberá contrato”, explica o edil nacionalista.

“A veciñanza estivo como mínimo 7 anos pagando para enriquecer a unha empresa privada e os sucesivos gobernos do PP e do PSOE nunca se preocuparon do tema. No único momento en que o goberno local empeza a actuar neste tema é cando o BNG empeza a denunciar a situación”, criticou Del Río. “De feito, toda a documentación que hai no Concello desde o ano 2004 é posterior ás nosas denuncias públicas das irregularidades deste contrato” engadiu.

“A empresa concesionaria entregou parte da documentación xusto o día despois do Pleno no que o BNG pediu que se derrogara a ordenanza da ORA”, indicou Del Río, “e nesa documentación alegan que tiveron perdas todos os anos desde o 2007 e por iso non liquidaron co Concello”. “As explicacións que o goberno local do PSOE dá sobre este tema déixannos aínda máis asombrados. Un contrato que ven sendo incumprido durante 7 anos, mantense e a única explicación que dan é que segundo un informe do secretario isto é legal”, criticou Del Río, “desde logo o que non entendemos é que intereses defenderon o PP e o PSOE durante todos estes anos”.

O BNG considera que “o goberno do PSOE está a ter en todo este tema unha actitude moi sospeitosa”. “Négannos durante vinte días acceso a un expediente que construíron cando pedimos a información sobre a ORA, cousa que xa está a investigar o Valedor do Pobo, e néganse a incluír no Pleno a nosa moción”, relata Del Río. “En lugar de actuar con lealdade á veciñanza explicándoo todo con luz e taquígrafos, o PSOE opta por xogar ao despiste, esconder o expediente e secuestrar a opinión do Bloque”, engade. “Se estivesen defendendo os intereses da veciñanza non terían que botar man de tantas tretas”, asegura.

“Non imos ser cómplices por omisión deste comportamento do PSOE e faremos o que sexa necesario para conseguir defender os intereses da nosa veciñanza no tema da ORA, e o primeiro é explicarlle lealmente o que hai”, explica Del Río. “Parécenos que non podemos consentir que o goberno local siga facendo política para beneficiar a unha empresa privada a costa dos intereses de todos e todas e sen gardar sequera as mínimas formas democráticas” conclúe o edil do BNG.

A primeira medida desta campaña foi unha acción simbólica de denuncia colocando sobre os expendedores da ORA o lema da campaña, #fóracoaora. Este mesmo lema é un hastag co que os nacionalistas pretenden levar a campaña tamén ás redes sociais.

O BNG lanza unha campaña para explicar a situación da ORA