O BNG lamenta que a Xunta se negue pedir garantías ambientais para o paseo do Mandeo

O BNG lamenta que a Xunta se negue pedir garantías ambientais para o paseo do Mandeo

Ana Miranda, Henrique del Río e a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López, visitando o trazado da senda aos Caneiros

“A Xunta, nunha resposta que non se cingue para nada á realidade, di que non haberá que facer desmontes para executar este paseo”

“Por non examinar a fondo o proxecto, a Xunta arrastra na resposta parlamentaria a mentira que lle contou por carta o alcalde de Betanzos”

Betanzos, 20 de marzo de 2015. O BNG lamentou que a Xunta se negue a reclamar garantías ambientais adicionais para o paseo que o goberno local de Betanzos e a Deputación pretenden construír á beira do Mandeo en plena liña de marea. “O goberno galego denega máis controis ambientais copiando literalmente a carta que lle remitiu o alcalde, que recolle unha información que non é completamente correcta, xa que di que o proxecto só ten pequenas variacións con respecto ao do ano 2010 cando a realidade é outra como vimos denunciando”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“O alcalde di que hai unha ‘variación’ no tocante á ‘execución dunha serie de melloras na rede de saneamento existente no subtramo urbano do núcleo de Betanzos” explicou Del Río. “Este tramo é o das hortas da Cañota e é mentira que se vaian facer melloras na rede de saneamento basicamente porque aí non hai ningunha rede de saneamento”, denuncian. “Por non examinar a fondo o proxecto, a Xunta arrastra na resposta parlamentaria a mentira que lle contou por carta o alcalde de Betanzos”, explican.

“De feito, o proxecto que impulsa o goberno local do PSOE prevé construír unha canalización de PVC con arquetas de formigón totalmente nova dentro da liña de deslinde do río” abunda. “E a ‘variación no subtramo de bosque pertencente ao subtramo 1’ da que fala o alcalde é o desmonte e pasarela pilotada pola ladeira do monte da fonte dos Ánxeles”, explica. “Sen embargo, a Xunta, nunha resposta que non se cingue para nada á realidade, di que non haberá que facer desmontes para executar este paseo”, relata.

 

 

 

Por non examinar a fondo o proxecto, a Xunta arrastra na resposta parlamentaria a mentira que lle contou por carta o alcalde de Betanzos

 

 

 

“A ver se cando veñan a facer campaña a Betanzos o PP os leva ao monte dos Ánxeles para que vexan a realidade que non queren coñecer nos papeis”, ironizou o edil do BNG. “Este é o resultado de levar ás presas este asunto”, engaden desde o BNG. “Xa di a Xunta na súa resposta que o Concello pode facer o que queira, que total o Mandeo terma con todo porque ten 'unha grande capacidade de acollida'”, ironizou Del Río.

“Na súa carta o alcalde esquece explicar que hai outra ‘variación’ logo ao pasar unha pasarela de madeira pilotada polo Carrizal de San Xiao que a Xunta advertiu en 2010 que non se tocase”, ironiza o edil do BNG. “Unha media verdade é unha media mentira e cremos que responde á intención que tiña o goberno local do PSOE de evitar a avaliación ambiental do proxecto”, explica Del Río. “Ironicamente, en 2010 a Xunta advertía que non se tocara o carrizal e agora dan por bo que se meta unha pasarela por unha parte do mesmo con tal de non revisar a fondo o proxecto”, afirman os nacionalistas.

 

 

 

A Xunta, nunha resposta que non se cingue para nada á realidade, di que non haberá que facer desmontes para executar este paseo

 

 

 

“O PP na Xunta e na Deputación e o PSOE no goberno local están completamente de acordo en non exixir garantias medioambientais e seguir adiante cun proxecto que vai costar 543 mil euros de cartos públicos en estragar a beira do Mandeo”, indicou Del Río. “A pesar dos esforzos que fan para facernos crer que son diferentes porque se achegan as eleccións o certo é que teñen a mesma preocupación polo medio e defenden as mesmas prioridades”, concluíu.