O BNG lamenta a inconcreción da proposta do goberno para o tráfico no Casco Histórico

O BNG lamenta a inconcreción da proposta do goberno para o tráfico no Casco Histórico

Henrique del Río co alcalde de Allariz, Francisco García, no Casco Histórico de Betanzos

“Nós entendemos que dar prioridade aos peóns é a mellor vía para rehabilitar o Casco Histórico, mais agardamos propostas concretas para trasladarmos á comisión de tráfico”

“Convidar a unha parte da veciñanza e dos comerciantes por carta a unha xuntanza, como fixo o PSOE hai dous anos, non é dar participación, é escoller o que se quere oír”

Betanzos, 7 de xuño de 2016. O BNG amosou hoxe a súa decepción ante o plan de mobilidade presentado polo goberno local para a comisión de tráfico do vindeiro xoves. “O PSOE leva desde 2013 dándolle voltas a permitir o estacionamento nas rúas peonís do Casco Histórico e canto nos presenta despois de tres anos son apenas tres folios”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“É unha tomadura de pelo presentar tres folios logo de tres anos, sae a folio por ano” ironizou o edil do BNG. “Dá boa proba do interese do PSOE no tema e da prioridade que para o goberno local representa o Casco Histórico”, lamentou.

Neste sentido, desde o BNG cuestionan que, ademais, o plan do goberno local é demasiado inconcreto. “Despois de tres anos dándolle voltas ao tema non se pode presentar un documento que fala de reservar 5 prazas de carga e descarga ou 2s para discapacitados sen propor unha ubicación concreta” cuestiona.

“Nós entendemos que dar prioridade aos peóns é a mellor vía para rehabilitar o Casco Histórico, mais agardamos propostas concretas para trasladarmos á comisión de tráfico” explica Del Río. “Entendemos que hai zonas onde persoas e vehículos terán que convivir, mais desde logo a rúa do Castro, a 20 metros do estacionamento e entrada principal da zona monumental, non pode ser un estacionamento”, engade.

Neste sentido, o BNG puxo enriba da mesa unha proposta concreta sobre a mobilidade na zona vella. “Son propostas concretas e claras, e abertas a ser modificadas, melloradas ou a sumar máis”, explica o voceiro nacionalista.

“A realidade insiste en demostrar que a presenza de estacionamento nas rúas e prazas do Casco Histórico é contraproducente para a súa dinamización e posta en valor”, explica o nacionalista. Neste sentido, desde o BNG indican que desde xuño de 2007 os sucesivos gobernos locais toleraron o aparcamento na praza do Concello ou na rúa Travesa e porén “o comercio do Casco Histórico non repunta, o número de habitantes descende, aumentan as infravivendas e empeora a conservación da zo na monumental”.

As escaleiras da praza de Lanzós tamñen teñen este problema

Por este motivo, advirten, o plan do goberno local, ademais de vago e inconcreto, representa unha volta atrás de vinte anos. “O PSOE propón tirar pola borda o pouco que se fixo pola rehabilitación do Casco Histórico porque ve a zona vella como un problema que resta votos, non como o plan estratéxico de futuro para Betanzos”, lamenta Del Río.

Participación para tecer acordos

As nacionalistas aseguran que é necesario tecer acordos sobre o Casco Histórico, tanto sobre a súa posta en valor como sobre a propia mobilidade. Neste sentido, aseguran que a premisa de partida é a participación de toda a veciñanza neste debate. “Convidar a unha parte da veciñanza e dos comerciantes por carta a unha xuntanza, como fixo o PSOE hai dous anos, non é dar participación, é escoller o que se quere oír” indican. “E xogar coas cartas marcadas non garante o consenso que o Casco Histórico require”, engaden.

Documentación: consulta aquí o documento presentado polo goberno do PSOE