O BNG lamenta que o alcalde pida medio millón para un carreiro á beira do río

O BNG lamenta que o alcalde pida medio millón para un carreiro á beira do río

“Están moito mellor investidos eses cartos en necesidades como amañar o saneamento ou no Casco Histórico, que cae a cachos e non nun camiño que non se vai poder manter”.

Betanzos, 6 de marzo de 2013. O BNG cuestionou no Pleno que o goberno local manteña varios edificios sen ningún uso logo de investir “unha cantidade importante de cartos públicos e actualmente están, no mellor dos casos, infrautilizados; a maioría baleiros, sen uso”. Segundo indicou a concelleira do BNG María Otero, estes edificios baleiros supoñen “un monumento ao dispendio”.

“O matadoiro, a biblioteca infantil e o cine Alfonsetti están sen apenas uso, no mellor dos casos”, advirten os nacionalistas. Sobre o matadoiro, o BNG xa cuestionou que tan só se empregue para ceas. “Xa dixemos no seu día que o problema non era regular o seu uso senón darlle un uso, porque non se pode regular o que non existe”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Con respecto ao cine Alfonsetti, ademais de seguir cuestionando o pago da indemnización aos Pita, desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE sexa incapaz de darlle unha programación estábel. “Non é cuestión de cartos, é cuestión de ter ideas e vontade”, indican os nacionalistas, que ademais recordan que “o alcalde mentiu cando dixo que ía reservar unha partida nos orzamentos para o equipamento de son que o cine aínda non ten”.

No caso da biblioteca infantil, desde o BNG seguen insistindo en que “non ten sentido gastar cartos para facer obras que despois non se poden manter”. “O PP co plan E fixo en Betanzos o que está criticando noutros concellos e agora estamos a pagar todas e todos as consecuencias”, censuran.

A maiores destes edificios, os nacionalistas tamén chamaron a atención sobre o albergue de peregrinos, da Xunta de Galiza. “Parece que por fin o van abrir despois de un ano coas obras rematadas e pechado”, indican. “Para unha obra que tiña que estar lista no 2010, chega algo tarde”, ironizan. O BNG insistiu, ademais, na súa demanda de reservar unha parte das prazas do albergue para persoas sen fogar. “O que non pode ser é que vaia estar baleiro boa parte do ano e a xente durmindo na rúa”, cuestionan.

Unha senda de medio millón de euros

O BNG lamenta que “o alcalde non aprendeu nada de ter estes edificios millonarios baleiros e pida medio millón para un carreiro á beira do río”. Despois de que o goberno local fixera pública a petición á Deputación para acometer unha obra que consideran “prioritaria”, os nacionalistas indicaron que “están moito mellor investidos eses cartos en necesidades como amañar o saneamento ou no Casco Histórico, que cae a cachos e non nun camiño que non se vai poder manter”. “O Concello ten medios para facer un camiño máis modesto por ese trazado e mantelo cos propios traballadores municipais”, concluíron.

O BNG lamenta que o alcalde pida medio millón para un carreiro á beira do río