O BNG insiste en reclamar medidas para o fomento do emprego, tras chegar ás 1100 desempregadas

O BNG insiste en reclamar medidas para o fomento do emprego, tras chegar ás 1100 desempregadas

Henrique del Río intervén nun Pleno

“Puxemos moitas propostas enriba da mesa, se non lle gustan ao goberno local que poña outras, pero pedímoslle ao PSOE que non se cruce de brazos diante da alarmante cifra de desemprego que ten Betanzos porque está demostrado que festas e eventos gastronómicos non crean emprego na cidade”ç

Betanzos, 4 de febreiro de 2015. O BNG pediu ao goberno local “que se tome en serio o problema social do desemprego” e que, aínda que sexa nos tres meses que lle quedan, adopte medidas urxentes para atallar a destrución de emprego en Betanzos. “Coas 14 persoas que perderon o seu emprego en xaneiro, Betanzos suma xa 1100 persoas desempregadas” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas lamentan “a indiferencia do goberno do PSOE diante dos 1085 veciños e veciñas sen emprego”.

“Mil cen persoas sen emprego nunha vila de 13 000 é unha porcentaxe terrorífica”, advirten desde o BNG. “Isto sen contar as que xa nin sequera se anotan no paro e as que marcharon a buscarse a vida na emigración”, engaden.

“Pechan negocios, queda máis xente no desemprego e o PP insístenos en que a crise acabou e que está todo inzado duns ‘brotes verdes’ que non se ven por ningures”, indican os nacionalistas. Por este motivo, desde o BNG reclaman ao goberno local “un esforzo en políticas que creen alternativas de emprego para a nosa veciñanza”.

“Supoñemos que á vista destes datos o goberno do PSOE convencerase de que a súa política de festas, eventos gastronómicos e demais dispendios non amaña nada”, ironizou Del Río. “Ese argumento do PP que colleu prestado o PSOE de que as festas crean riqueza na localidade a pesar de que os datos do desemprego mes tras mes demostran precisamente o contrario cae á vista da realidade” asegura.

“O PSOE entrou a gobernar con 1028 persoas no desemprego e temos xa 1100, eramos 13 537 veciñ@s e baixamos aos 13 445 porque a xente marcha a buscar fóra as oportunidades que aquí non hai”, relata o voceiro do BNG. “Neste mandato medrou o desemprego nominal e porcentualmente e a resposta do goberno local é un Plan Xeral para construír máis vivendas baleiras e concursos de pinchos para que a xente gaste o que non ten”, sosteñen desde o Bloque.

Por este motivo, desde o BNG reclaman ao goberno local “que pase inmediatamente á acción”. “Nós propuxemos facer un viveiro de empresas no polígono, un banco de locais comerciais e un banco municipal de terras”, relata o voceiro do BNG. “Tamén pedimos que amoblasen as rúas comerciais e suprimisen a ORA para dinamizar a actividade comercial e potenciar o centro comercial aberto”, engade. “E mesmo crear unha liña de axudas para produtores locais e cursos de agricultura ecolóxica no centro de formación”, abunda.“Son algunhas propostas, se non lle gustan ao goberno local que poña outras enriba da mesa, pero pedímoslle ao PSOE que non se cruce de brazos diante da alarmante cifra de desemprego que ten Betanzos”, sostén Del Río.

“O Concello pode facer cousas que permitan crear emprego no municipio, pero o goberno do PSOE ten que querer facelo”, explica o edil do BNG. “E é obvio que non quere, que prefire mirar para outro lado e botarlle a culpa de todo ao PP”, engade.

Un plan de emprego para As Mariñas

“A suba do desemprego en todos os municipios da comarca das Mariñas- agás Aranga- evidencia a necesidade de que a Xunta desenvolva un plan de emprego nesta comarca”, explicou o edil nacionalista. “Sen embargo, cando propuxemos unha emenda aos orzamentos da Xunta nesta liña o PP pasou o rodillo e abandonou esta comarca á súa sorte, condenándoa á emigración”, conclúen.

O BNG insiste en reclamar medidas para o fomento do emprego, tras chegar ás 1100 desempregadas