O BNG exixirá no Pleno que o PSOE cumpra co seu propio Plan de Igualdade

O BNG exixirá no Pleno que o PSOE cumpra co seu propio Plan de Igualdade

“As traballadoras de limpeza perciben menos salario que os traballadores de limpeza pola mesma función ou as auxiliares administrativas cobran menos que o único auxiliar administrativo”.

Betanzos, 25 de febreiro de 2013. O BNG presentou unha moción para exixir ao goberno local o cumprimento “do seu propio plan de igualdade”. Os nacionalistas, que acusaron hai un ano ao PSOE de aprobar o plan con fins exclusivamente publicitarios en vésperas do 8 de marzo, Día da Muller, denuncian desigualdades entre o propio persoal municipal.

“Temos constancia de que, en concreto, tres traballadoras do Concello solicitaron no ano 2012 un cambio de horario por conciliación da vida familiar e laboral”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Estas tres traballadoras nin tan sequera recibiron unha resposta á súa petición, polo que entendemos que lles foi denegada”, indicou o edil nacionalista. Asegura ademais que esta negativa do PSOE “incumpre o Plan de Igualdade aprobado polo Pleno o ano pasado cando fala de ‘amosar boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello’”.

O plan tamén ten entre os seus obxectivos impulsar a igualdade de trato entre membros da administración, se ben “existen mostras de discriminación salarial entre o propio persoal do Concello en función do xénero”, aseguran os edís nacionalistas. “Entre persoal da mesma categoría e coas mesmas funcións, as mulleres teñen adxudicados salarios máis baixos que homes exactamente na mesma función” explican. Aseguran que un bo número de alegacións contra a relación de postos de traballo, que non foi capaz de aprobar o goberno do PSOE o pasado verán, baseábanse nestas discriminacións salariais entre homes e mulleres. “As traballadoras de limpeza perciben menos salario que os traballadores de limpeza pola mesma función ou as auxiliares administrativas cobran menos que o único auxiliar administrativo”, denunciou Del Río.

“As mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes e na maioría dos casos postos relacionados con profesións tradicionalmente reservadas a mulleres” advirten os nacionalistas.

“Cónstanos que o Comité de empresa de persoal laboral dirixiu un escrito ao Alcalde achegándolle as súas queixas polo incumprimento do Plan de Igualdade e pedíndolle actuacións neste eido” aseguran desde o BNG, “pero como ven sendo habitual non recibiron resposta”. Por este motivo, reclamarán do Pleno que poña “fin a esta discriminación coa elaboración dunha nova RPT, contando coa participación real da representación do cadro de persoal municipal”.

“Á vista disto, é evidente que o Plan de Igualdade naceu como anuncio propagandístico do PSOE”, indicou o voceiro do BNG. “É unha hipocrisía sacarse da manga para o 8 de marzo un Plan de Igualdade e o resto do ano facer o contrario do que recolle”, concluíu.

O BNG denuncia a hipocrisía do PP ao presentar unha moción a prol da igualdade

“Parécenos vergoñento que o mesmo PP que aprobou a Lei de Familia ou pecha os centros de orientación familiar agora pretenda limpar a cara presentando mocións a prol da igualdade”, indican desde o BNG. “Menos mal que con isto non van enganar a ninguén, a xente o que quere son máis feitos e menos palabras”, aseguran. “PSOE e o PP fan o mesmo exercicio de cinismo ao poñer en escea un xesto teatral polo 8 de marzo porque corresponde facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario”, conclúen.

O BNG exixirá no Pleno que o PSOE cumpra co seu propio Plan de Igualdade