O BNG exixe que o goberno local asuma as súas responsabilidades no edificio expropiado da Ribeira

O BNG exixe que o goberno local asuma as súas responsabilidades no edificio expropiado da Ribeira

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas”.

Betanzos, 22 de xaneiro de 2014. O BNG exixiu ao goberno do PSOE que aclare os motivos polos non pagou a totalidade da expropiación da Ribeira expoñendo ao Concello a novas condeas. “Outra vez os veciños e veciñas de Betanzos están pagando as cacicadas urbanísticas do PSOE” advirte o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Os cartos que tiñan que investirse en servizos para a veciñanza están indo continuamente a pagar indemnizacións polas trapalladas e a falta de previsión do PSOE”, engadiu o edil do BNG. “O PSOE ten que explicar como se entende que tendo unha licenza concedida para un edificio se delimite unha zona verde no mesmo solar a través do Plan Especial do Casco Histórico” exixiu. “Desde os anos 90 Betanzos arrastra até a actualidade as consecuencias e prexuízos da neglixencia do PSOE”, engadiu.

“En novembro de 2010, é dicir, na precampaña das municipais, o PSOE aínda criticaba ao PP por facer isto mesmo neste mesmo edificio”, recordan os nacionalistas. “Unha forma de actuar totalmente incoherente criticar o mesmo que agora fas no goberno”, engadiu Del Río evidenciando que “PSOE e PP gobernan exactamente igual e defendendo os mesmos intereses, que non son os da veciñanza”.

Outra vez os veciños e veciñas de Betanzos están pagando as cacicadas urbanísticas do PSOE

O BNG exixe ademais que o PSOE explique “como en 2013 cun orzamento xa prorrogado podían pagar o primeiro prazo da expropiación e agora, co mesmo orzamento igualmente prorrogado din que non poden”. “Sobre todo tendo presente que no orzamento figuraban 190 000 euros para isto, como o propio concelleiro de economía dixo ao defender estas contas tan alonxadas da realidade”, engadiu Del Río.

Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas

Os nacionalistas advirten que esta explicación do executivo local non se adapta á realidade “porque outros investimentos si que se están a facer a pesar de ter o orzamento prorrogado desde 2012”. “Aínda dando por boa a explicación do PSOE, que clase de goberno responsábel é o que acorda facer un pagamento sen dispoñer dos cartos para facelo e expón irresponsabelmente ao Concello a novas demandas”, engadiu o voceiro do BNG.

Para o Bloque, “a planificación urbanística que fixo o PSOE na Ribeira e as consecuencias que ten a diario para a veciñanza están á vista de todo o mundo”. Os nacionalistas exixen ao PSOE que asuma os seus compromisos coa veciñanza da Ribeira, que continúa padecendo inverno tras inverno as inundacións nas súas vivendas.

O BNG exixe que o goberno local asuma as súas responsabilidades no edificio expropiado da Ribeira