O BNG exixe coñecer o contido do convenio coa Xunta para rehabilitar o Casco Histórico

Henrique del Río: “o goberno local debe facer un esforzo de concienciación sobre o valor que ten o Casco Histórico para Betanzos.

O BNG exixe coñecer o contido do convenio coa Xunta para rehabilitar o Casco Histórico

Henrique del Río: “o goberno local debe facer un esforzo de concienciación sobre o valor que ten o Casco Histórico para Betanzos.

Betanzos, 3 de xaneiro de 2012. “Tanto o PP coma o PSOE evaden as súas responsabilidades no Casco Histórico”, asegurou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, polo o BNG reiterou a súa exixencia de coñecer o contido do convenio asinado entre o Concello e a Xunta sobre a rehabilitación das casas que mercou a Xunta no Casco Histórico de Betanzos. “Coñecer este documento é clave para determinar as responsabilidades” de ambas entidades, aseguran desde o BNG.

O BNG presentou varias iniciativas relacionadas coa recuperación do Casco Histórico no último pleno. Os nacionalistas interesáronse por varias rúas do Casco Histórico pechadas ao tránsito peonil, coas conseguintes “molestias aos veciños da zona e ao xeral da poboación”, algunhas por prazo de “máis dun ano”. O BNG exixiu ao goberno local que fixe prazos para reabrilas ao paso. Ademais, trasladaron ao Pleno a reclamación dos veciños e veciñas da rúa Nova para repoñer unha beirarrúa, modificada hai anos por un particular,  que co “recente inicio das obras no treito final da rúa” “impide” o paso da xente. Tamén presentaron unha iniciativa para modificar a zona de estacionamento para residentes e garantir a reserva do aparcadoiro tamén nas fines de semana.

Ademais, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, afirmou durante o debate plenario, que o goberno local “debe facer un esforzo de concienciación” sobre o “valor” que ten o Casco Histórico para Betanzos. Desde o BNG aseguran que as rúas peonís do Casco Histórico precisan “máis mobiliario urbano e actividades de dinamización comercial e sociocultural para despregar o seu potencial” e advirten que “os gobernos que non contemplen isto estarán deixando coxo este importante investimento”.

Neste sentido, cuestionou que “o PP esquecese durante catro anos o Casco Histórico e agora saque da manga un plan efectista que non ten un traslado real na recuperación do Casco Histórico”, como, ao seu ver, evidencia “a negativa da Xunta do PP a implicarse na recuperación do Casco”.

Por este motivo o BNG reitera a crítica ao PP por votar contra a proposta nacionalista de dotar con 250 000 euros a rehabilitación das casas que a Xunta adquiriu no Casco. “A rehabilitación exemplar da zona histórica que ía facer a Xunta segundo anunciaba o PP en maio converteuse nunha actitude moi pouco exemplar dado que nin sequera se evita a ruína das casas que mercou”, ironizan desde o BNG, que aseguran que “o Partido Popular fartouse de tomarlle o pelo á xente en maio”. “O deterioro do Casco Histórico é un asunto que preocupa aos veciños” asegura o voceiro nacionalista, que cre que “a xente non entenderá como a Xunta do PP esquece a mantenta o seu compromiso de maio”.

O BNG exixe coñecer o contido do convenio coa Xunta para rehabilitar o Casco Histórico