O BNG exixe ao PSOE feitos na loita contra a violencia de xénero

O BNG exixe ao PSOE feitos na loita contra a violencia de xénero

O Pleno asumiu o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero. O BNG acusa ao PSOE de “non dotar orzamentariamente o Plan de Igualdade, ignorar as achegas a este Plan para seguir a promover o sexismo nas festas de agosto ou non ceder un local a unha asociación de vítimas de violencia”.

Betanzos, 3 de decembro de 2012. O BNG presentou no Pleno unha moción reclamando avances na atención ás mulleres vítimas de violencia machista. O acordo promovido polos nacionalistas, que saíu adiante malia non contar co apoio do PP, reclama que a Corporación municipal asuma “o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero”.

Ademais, a moción dos nacionalistas inclúe que o Concello reclame da Xunta mellorar a dotación orzamentaria e facilitar o acceso ás axudas económicas a vítimas de violencia de xénero, desenvolver a atención psicolóxica a mulleres e crianzas na rede sanitaria pública, dotándoa dos medios materiais e humanos precisos e garantir a tutela xudicial das vítimas evitando a disuasión económica das taxas xudiciais.

Os nacionalistas presentaron esta moción como alternativa ao texto conxunto presentado por PSOE, PP e CxB. O BNG decidiu non participar da redacción dese manifesto nin no acto institucional convocado polo goberno local o 25 de novembro por consideralo “hipócrita e baleiro de contido”. O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou no Pleno que o texto partillado por PSOE, PP e CxB está “falto de contido e politicamente correcto” e que “non pasa de ser unha declaración baleira de contido real”.

Contrapuxo coa declaración “oportunista” de PSOE, PP e CxB o 25 de novembro os seus “feitos de todo o ano”. Ao goberno local do PSOE acusouno de “non dotar orzamentariamente o Plan de Igualdade, ignorar as achegas a este Plan para seguir a promover o sexismo nas festas de agosto ou non ceder un local a unha asociación de vítimas de violencia”. Ao PP recordoulle que “seguen sen expulsar a Castelao Bragaña logo de dicir que leis e mulleres están para ser violadas” e que “dicir que abrir o debate sobre a reforma da lei do aborto que quere levar o PP é unha cortina de fume sobre a crise, como dixo María Faraldo neste Pleno, é tamén violencia contra as mulleres”.

Os nacionalistas acusaron a PSOE, PP e CxB de “escribir catro lugares comúns para facer a foto e lavar a conciencia é un acto hipócrita”. “Chegar a este punto de romper entendementos nesta materia precisamente pola falta de aplicación do que se di o dia da festa e non se fai o resto do ano ten responsábeis e non están no Bloque Nacionalista Galego”, advertiu Henrique del Río.

Videofórum e exposición

O BNG organiza mañá un cinefórum con motivo do Día contra a violencia machista. Desde as 20:30 h terá lugar no Salón Azul do Liceo a proxección da curta “Amores que matan”, á que seguirá unha mesa redonda coa participación de Goretti Sanmartín, responsábel da comisión de acción feminista do Consello Nacional do BNG, e Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal contra violencia de xénero. Ademais, poderá visitarse a mostra “Castelao e a violencia contra as mulleres”, editada pola Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

O BNG exixe ao PSOE feitos na loita contra a violencia de xénero