O BNG exixe ao PSOE que explique publicamente por que renuncia ao centro de dia no ambulatorio

O BNG exixe ao PSOE que explique publicamente por que renuncia ao centro de dia no ambulatorio

Henrique del Río é o voceiro do BNG

O PSOE, que apoiou unha mocion do BNG para facer un centro de día no antigo ambulatorio, agora pide a súa cesión ao concello para outros usos.

Betanzos, 10 de maio de 2012. O BNG reclamou hoxe ao alcalde que explique publicamente por que renunciou a ter un centro de día público en Betanzos. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, indicou que o goberno do PSOE ven de remitir unha memoria á Seguridade Social para destinar o antigo ambulatorio a local social. “O Pleno acordou, por iniciativa do BNG e a pesar do PP, que no antigo ambulatorio se fixese un centro de día público para Betanzos” recorda o edil nacionalista, que advirte que “o PSOE apoiou aquel acordo e o actual alcalde fixo campaña co centro de día ao que agora renuncia”.

O PSOE apoiou abrir un centro de día no ambulatorio 2 veces no Pleno, agora renega

O voceiro do BNG recordou que o Pleno do Concello de Betanzos tamén aprobou unha moción dos nacionalistas na que se reclamaba a Feijóo que cumprise co seu compromiso electoral de abrir un centro de día público en cada concello con máis de 5000 habitantes antes de que acabase a lexislatura que expira. “Betanzos ten case 14000 habitantes e a pesar diso a Xunta do PP castíganos sen servizos asistenciais”, lamenta.

“O PP na Xunta votou en contra dunha emenda do BNG aos orzamentos para destinar 1.867.135 euros para abrir tres centros de día en Betanzos, Sada e A Coruña”, indicou del Río. Con esta negativa o PP está “facendo recaer os custos da crise nas maiorías sociais dificultando tremendamente a conciliación da vida laboral e familiar das mulleres, que son as que na maior parte dos casos asumen o coidado das persoas maiores”, e a socialización dos dependentes.

Por este motivo, desde o BNG exixen ao goberno do PSOE que aclare “a que se debe este cambio de postura sobre o uso ao que se tiña que destinar o antigo ambulatorio” e acusan ao PSOE de “esquecer os seus compromisos electorais e cambiar totalmente de discurso. “O alcalde ten que ser inflexible á hora de exixir a xunta os servizos que lle corresponden a unha cidade coma Betanzos, neste caso o centro de día e non abandonar á xente á primeira de cambio, e máis no caso de servizos deste tipo moi necesarios para os veciños e veciñas”, engadiu Del Río.

O BNG exixe ao PSOE que explique publicamente por que renuncia ao centro de dia no ambulatorio