O BNG exixe ao goberno do PSOE que escoite aos veciños na elaboracion do orzamento

Os nacionalistas trazan unha “liña vermella nos fondos para o gasto social e a promoción do emprego”

O BNG exixe ao goberno do PSOE que escoite aos veciños na elaboracion do orzamento

Os nacionalistas trazan unha “liña vermella nos fondos para o gasto social e a promoción do emprego”

Betanzos, 17 de xaneiro de 2012. O edil nacionalista Xosé Vales anunciou hoxe que “o goberno local do PSOE remitiunos unha proposta de orzamentos para Betanzos”. Vales indicou que “aínda que tarde, xa que o goberno do PSOE deixou comezar o ano 2012 sen facer proposta ningunha, parece que por fin decidiron cumprir as súas obrigas e elaborar unha proposta”. Vales recordou tamén que Betanzos leva sen orzamentos desde o ano 2008, debido a incapacidade do PP para chegar a acordos.

“Haberá moito que mirar e falar” indicou Xosé Vales, que advertiu que o BNG traza unha “liña vermella nos fondos para o gasto social e a promoción do emprego”, que, asegura, “non se poden recortar neste contexto”. “Non tería lóxica que en maio centrásemos as nosas prioridades nas políticas sociais e a creación de emprego e agora esquecéramos o compromiso que temos coa xente que confiou no BNG”, afondou o portavoz municipal dos nacionalistas, Henrique del Río.

Aposta por un orzamento participativo

“Comprometémonos a impulsar un orzamento participativo e iso é o que lle exiximos ao goberno local” apuntou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, “que presente á xente o seu proxecto e que escoite as demandas da rúa”. Neste sentido, indicou que o BNG culmina hoxe os seus encontros coas entidades betanceiras para recoller as súas propostas para as contas municipais e retou ao goberno do PSOE a facer o mesmo e “dar voz” ás veciñas e veciños para fixar as prioridades do gasto. “O método escollido polo goberno do PSOE non nos parece acaído, xa que pensamos que esta dando as costas aos veciños e veciñas”, recoñeceu.

Transparencia das contas

Desde o BNG insisten en que o orzamento participativo supón, ademais, maior transparencia do gasto público. “Os veciños saberán en que se vai gastar e avaliarán se se fixo ou non”, indicou Del Río. Para os nacionalistas, a “luz e taquígrafos” que queren aplicar ao debate orzamentario “é unha proba de que cando o BNG fala de transparencia, practica a transparencia” e retan aos outros grupos a “aplicarse o método”.
Os nacionalistas amósanse convencidos de que “se agora o goberno local do PSOE abre o debate orzamentario en parte débese á insistencia do BNG.” “Por agora, non imos facer unha valoración do documento porque aínda o estamos estudando, pero insistimos en que o método utilizado para a súa elaboración nos non parece o correcto”, concluíron.

O BNG exixe ao goberno do PSOE que escoite aos veciños na elaboracion do orzamento