O BNG dinamizará os locais sociais en colaboración coas asociacións veciñais

Dotar aos locais de rede wifi, ludotecas, axencias de lectura e actividades para os máis maiores, algunhas das propostas. O BNG aprobará anualmente subvencións para as asociacións veciñais e impulsará os festexos tradicionais de barrios e aldeas.

O BNG dinamizará os locais sociais en colaboración coas asociacións veciñais

Dotar aos locais de rede wifi, ludotecas, axencias de lectura e actividades para os máis maiores, algunhas das propostas. O BNG aprobará anualmente subvencións para as asociacións veciñais e impulsará os festexos tradicionais de barrios e aldeas.

Betanzos, 8 de maio de 2011. O BNG quere potenciar o papel dos centros sociais municipais. O candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, explicou que o seu goberno “apostará por dinamizar os locais sociais en colaboración coas asociacións veciñais”.

O BNG quere mellorar as dotacións dos centros sociais municipais para incrementar as súas prestacións. Os nacionalistas propoñen instalar rede wifi en todos os locais sociais para potenciar o acceso a Internet. Coma unha medida máis de conciliación, o BNG quere instalar nos centros sociais ludotecas e axencias de lectura con actividades de animación para os máis pequenos, coma títeres, contacontos, etc.

Do mesmo xeito, o BNG quere potenciar o uso dos locais sociais polos máis maiores, para os que programará tamén actividades específicas como programas de envellecemento activo, talleres de memoria, etc. A intención é convertir os centros sociais nun punto de referencia nos barrios e aldeas, contando para iso coa participación e colaboración das entidades veciñais.

Henrique del Río explicou que o goberno do BNG aprobará todos os anos unha convocatoria de axudas para as asociacións. Con esta medida concreta o goberno local dá un impulso á actividade das propias entidades veciñais. No mandato que expira o goberno do PP asfixiou economicamente ás asociacións de Betanzos ao non sacar estas axudas a causa da súa nula planificación económica.

Xunto a estas medidas, o goberno do BNG colaborará coas asociacións veciñais e comisións de festas na organización das festas tradicionais dos barrios e parroquias de Betanzos.

O candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, explicou que a intención do BNG é mellorar a calidade de vida dos residentes nos barrios e as aldeas achegando estas prestacións aos locais sociais. Del Río insiste en que este impulso aos locais sociais darase en sintonía coas asociacións veciñais, un modelo que contrapón ao que fixo o PP no mandato que expira. O nacionalista lembra que “o goberno de Faraldo quixo impoñer unha ordenanza sobre os locais sociais que non foi contrastada coas asociacións veciñais” que pretendía esixirlles a contratación dun seguro cun importe tan elevado que as asociacións veciñais non poderían asumir.