O BNG denuncia q o goberno local non cumpre os acordos plenarios para dinamizar os locais sociais

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun Pleno
O BNG denuncia q o goberno local non cumpre os acordos plenarios para dinamizar os locais sociais

“O PSOE adopta acordos plenarios e aproba regulamentos q despois non executan. É a práctica habitual, gobernan a golpe de publicidade creando expectativas na veciñanza que nunca se cumpren”.

Betanzos, 4 de marzo de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local do PSOE dinamice os locais sociais municipais. A edil nacionalista María Otero lembrou que o goberno local continúa sen aplicar o regulamento de locais sociais e provocando conflitos polo seu uso entre a veciñanza. Os nacionalistas recordan que xa levaron este asunto a pleno varias veces desde o pasado verán sen que o goberno local do PSOE resolvese o problema. “Para que fan un regulamento que logo non teñen pensado cumprir?” cuestionou a concelleira do BNG.

Do mesmo xeito, os nacionalistas reclamaron ao goberno local que cumpra a súa moción para fomentar o traballo en rede do tecido asociativo betanceiro. O pleno apoiou unha moción do BNG na que se propuña crear unha caixa de recursos de propiedade municipal e gratuítos no seu uso como equipos de son e proxección, cámaras,... Ademais, tamén se aprobou impulsar unha programación formativa para asociacións e colectivos ao longo do curso, acorde coas súas necesidades (contabilidade, impostos, subvencións, creación de asociacións,…). Con estas medidas, desde o BNG entenden que se estaría apoiando o traballo dos distintos colectivos.

Os nacionalistas reclamaron ao goberno local prazos concretos para crear ese plan formativo e mais a caixa de recursos para facilitar o traballo das entidades. “O PSOE adopta acordos plenarios e aproba regulamentos q despois non executan. É a práctica habitual, gobernan a golpe de publicidade creando expectativas na veciñanza que nunca se cumpren” denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río, que censura que “coa súa actitude, o goberno local do PSOE non garante que toda a veciñanza teña acceso aos locais sociais construídos con cartos de todas e todos”.

“Non aplicar o regulamento de locais que o propio PSOE promoveu está provocando moitos problemas de relación entre a veciñanza e xenera un agravio entre entidades e colectivos ao aplicar o regulamento a uns si e outros non”, conclúen.

Solicitude de cesión formal do local a ACEBE

“O PP cedera de palabra un local a ACEBE que o PSOE criticou por non seguir o procedemento legal”, explicou a concelleira do BNG María Otero para lembrar que “desde que goberna o PSOE tampouco fixo nada por regularizar a situación”. Por este motivo, os nacionalistas solicitaron ao goberno local que poña fin á situación irregular desta cesión “da que estamos seguros que ACEBE non ten culpa algunha”. Desde o BNG reclamaron prazos concretos para que o goberno local regularice a cesión deste local e reclamaron ao executivo do PSOE que revele cantas outras entidades ocupan locais de propiedade municipal sen que fosen legalmente autorizadas.

O BNG denuncia q o goberno local non cumpre os acordos plenarios para dinamizar os locais sociais