O BNG denuncia que o PSOE gastou 25 000 € en 3 meses en actuacións nos xardíns “a dedo” sen contrato

facturas xardins pleno maio
O BNG denuncia que o PSOE gastou 25 000 € en 3 meses en actuacións nos xardíns “a dedo” sen contrato

“Cos propios datos que dá o PSOE queda probado que continúan repartindo cartos públicos a dedo, ás empresas que o PSOE decide e cos criterios que ao PSOE se lle ocorren, se é que os hai”.

Betanzos, 30 de maio de 2013. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE gastou 24 578,49 € en diversos traballos de xardinería no primeiro trimestre do ano sen ningún contrato que ampare estes gastos. A esta cantidade hai que sumar os 17 672,78 € do contrato para cortar a herba 8 meses que os nacionalistas xa criticaron.

“Cos propios datos que dá o PSOE queda probado que continúan repartindo cartos públicos a dedo, ás empresas que o PSOE decide e cos criterios que ao PSOE se lle ocorren, se é que os hai”, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Exactamente o mesmo que facía o PP no anterior mandato e que o PSOE lle criticaba”, indicou.

Desde o BNG recordan que no orzamento aprobado por PSOE e CxB o pasado verán, “só había 2000 euros de investimento para parques e xardíns e 3500 para gasto corrente”. “Isto quere dicir, que ademais de clientelar, este gasto non está contemplado no orzamento por ningún lado”, denuncian os nacionalistas.

“Se cadra, no PSOE pretenden pagalos con cargo a unha partida xenérica de servizos comunitarios diversos de 50 000 €”, pero aínda así advirten que “só as facturas de xardinería do primeiro trimestre deste ano supoñen xa a metade desta cantidade”. “O cal quere dicir que o orzamento, como advertimos, era totalmente irreal”, asegura o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“O PSOE fartouse de criticar a forma en que gastaba o PP, sen contrato, sen fondos no orzamento e sen máis criterio que as súas comenencias clientelares e resulta que están facendo exactamente o mesmo”, denuncian desde o BNG.

“Se o PSOE está decidido a privatizar a área de xardíns e medio ambiente, que sexan valentes, saquen un concurso público coa totalidade dos traballos e asuman as consecuencias”, reta o voceiro do BNG. “A quen se pretende beneficiar fraccionando os contratos para evitar que todas empresas e autónomos poidan presentarse en igualdade a un concurso público?”, pregunta.

Do mesmo xeito, Del Río reclama ao executivo do PSOE que aclare por que evita sacar a concurso público todas as actuacións de reparación de vías públicas e continúa asignándollas “a dedo” ás empresas que elixen. “Quen sae beneficiado con este comportamento?” preguntan, xa que entenden “normal que a xente teña a mosca detrás da orella”. Insisten en que o Concello ten no seu cadro de persoal vinte operarios para estes cometidos.

O BNG denuncia que o PSOE gastou 25 000 € en 3 meses en actuacións nos xardíns “a dedo” sen contrato