O BNG denuncia a pasividade do PSOE na reposición da legalidade en Domingo Etcheverría

O BNG denuncia a pasividade do PSOE na reposición da legalidade en Domingo Etcheverría

Henrique del Río e María Otero nunha comparecencia pública

“Como noutras cousas, o goberno do PSOE está a facer exactamente o mesmo que lle criticaba ao goberno anterior do PP”.

Betanzos, 31 de xaneiro de 2013. O BNG exixiu no Pleno coñecer os motivos polos que o goberno municipal do PSOE paralizou a tramitación dun expediente sancionatorio por ocupar sen autorización a praza de Domingo Etcheverría cunha terraza. Os nacionalistas advertiron de que “desde que os afectados presentan alegacións diante da proposta de sanción, no 2011, non se volve a facer ningunha actuación por parte do goberno local”.

Por este motivo, os edís do BNG botaron en cara ao PSOE que permitan “que este asunto caduque pola súa inacción” xa que estaban abertos “un expediente sancionatorio e outro de recuperación do dominio público”.

Os concelleiros nacionalistas lembraron no Pleno que “o PSOE foi moi crítico con esta instalación cando estaba na oposición, pero desde que chegou ao goberno local esqueceu por completo o tema”. “Só lles interesaba o tema para sair na prensa e non lles importa a praza nin os intereses da veciñanza?”, interpelou a concelleira nacionalista María Otero.

“Como noutras cousas, o goberno do PSOE está a facer exactamente o mesmo que lle criticaba ao goberno anterior do PP”, denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Non lles parece que é pouco ético actuar deste xeito oportunista?”, denuncian desde o BNG, que exixiu datos sobre “cantos expedientes deste tipo están paralizados por causas similares”.

O BNG denuncia a pasividade do PSOE na reposición da legalidade en Domingo Etcheverría