O BNG denuncia que o paseo do Mandeo inclúe unha escollera e desmontes á beira do río

A ponte e escolleira que o proxecto prevé instalar nas hortas da Cañota
O BNG denuncia que o paseo do Mandeo inclúe unha escollera e desmontes á beira do río

O Mandeo desde Os Ánxeles. Pola beira está proxectado o paseo pilotado

“Para facer isto será preciso facer un desmonte na propia beira do río e meter as máquinas polo carrizal”. “Isto non é protexer unha zona que é Rede Natura, é facer que unha constructora faga negocio a costa do medio”.

Betanzos, 19 de setembro de 2014. O BNG cualificou de “atentado ecolóxico” a pretensión do goberno local do PSOE de colocar unha escolleira de 200 metros na beira do río na Cañota, dentro do proxecto de paseo desde as Monxas até os Caneiros. Os nacionalistas cuestionan que xusto á beira do río o proxecto do goberno local pretenda instalar unha pasarela de madeira alicerzada en zapatas de formigón dun metro con protección de “escolleira formigonada de 100-200 kg”.

Os nacionalistas, que mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo coas organizacións ecoloxistas existentes na comarca- Adega, Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural e Hábitat- consideran que “todo o proxecto está inzado de atentados ecolóxicos”. Segundo indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “todo o trazado do paseo vai ou pilotado na beira do río ou sobre unha superficie formigonada”. Por este motivo, desde o BNG consideran que “o proxecto terá un alto impacto ambiental”.

“O proxecto do PSOE, que financia a Deputación do PP, contén tramos de paseo pilotado pola beira do río e outros directamente metidos polo carrizal de San Xiao” advirten desde o BNG. “Para facer isto será preciso facer un desmonte na propia beira do río e meter as máquinas polo carrizal”, engaden. “Isto non é protexer unha zona que é Rede Natura, é facer que unha constructora faga negocio a costa do medio”, denuncian.

A ponte e escolleira que o proxecto prevé instalar nas hortas da Cañota

Ademais, os nacionalistas advirten que outro movemento de terras á beira do río será preciso para instalar a escollera na Cañota e mais para soterrar unha canalización de augas fecais. “Isto é precisamente o contrario a garantir a conservación do río”, lamenta Del Río.

Os nacionalistas cuestionan, ademais, o secretismo con que o goberno do PSOE elaborou este proxecto. Por este motivo, na xuntanza de traballo coas entidades ambientalistas acordaron facer unha presentación pública do proxecto para informar á veciñanza sobre a obra e as súas incidencias. “Cando se van estragar 543 000 euros de todas e todos, o mínimo e explicar publicamente en que se van a fundir e dar a cara por un proxecto como este, condenado a degradarse en catro ou cinco anos”, conclúe Del Río.

O BNG denuncia que o paseo do Mandeo inclúe unha escollera e desmontes á beira do río