O BNG denuncia que o goberno local do PSOE sigue contratando a dedo evitando o concurso público

O BNG denuncia que o goberno local do PSOE sigue contratando a dedo evitando o concurso público

Henrique del Río: “Esta mañá pretenderon que deramos o visto bo na mesa de contratación a dous contratos, sen darnos ningún tipo de información concreta”

Betanzos, 2 de outubro de 2013. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE continúa adxudicando a dedo e evitando convocar concurso público para contratar os servizos que o Concello precisa. “Esta mañá pretenderon que deramos o visto bo na mesa de contratación a dous contratos, sen darnos ningún tipo de información concreta sobre as actuacións que pretenden contratar”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“Logo de botar dous anos fraccionando as contratas para eludir o concurso público e poderllas dar a dedo a quen lles peta, xusto con estas dúas obras o PSOE pretende que avalemos uns contratos sen saber en base a que se adxudican”, denuncia o edil do BNG. “É moi raro que o PSOE nos oculte outras contratacións, que non dea conta ao Pleno de todos os servizos e obras que contratan sen ningún tipo de publicidade ao cabo do mes e xusto nestas dúas pretendan que lles asinemos un cheque en branco”, advirte.

Os nacionalistas cuestionan que, sen coñecer concretamente que é o que pretenden contratar co título de precintado de vertedoiros incontrolados- porposta que levou o BNG ao Pleno- e a construción de pasos de peóns elevados na rúa Rosalía de Castro “o PSOE pretende obrigar á oposición a asumilos na mesa de contratación sen darnos ningunha información”.

"O alcalde dixo na mesa de contratación que era para darlle maior transparencia ao proceso, e nós dubidámolo”, asegura o voceiro do BNG. Segundo os nacionalistas, “se se quere darlle a maior transparencia posíbel ás contratacións do Concello, que se fagan todas por concurso público”. Desta forma, aseguran, toda a información, custos e proxectos están ao dispór da veciñanza na web municipal. “E ademais é o sistema que permite mellorar as ofertas, tanto no plano económico como con melloras técnicas”, aseguran.

A dicir do BNG, as cantidades con que o PSOE pretendeu adxudicar como contrato menor, é dicir sen concurso público ao que todas as empresas poidan optar, estas dúas actuacións son “curiosas”. “Fai pensar que estiveron cortando a medida os orzamentos de ambas actuacións para eludir como fose o concurso público”, aseguran.

“E logo de pretender sacalo adiante por contrato menor, que o pode adxudicar o alcalde por resolución, contrátase sen transparencia e eludindo a publicación na web municipal, por algún motivo que se nos escapa e que desde logo non é a transparencia que invoca o alcalde, deciden pasalo pola mesa de contratación sen darnos ningún tipo de información”.

O BNG denuncia que o goberno local do PSOE sigue contratando a dedo evitando o concurso público