O BNG denuncia que empregadas municipais foron obrigadas a realizar o seu traballo na sede do CIEC

O BNG denuncia que empregadas municipais foron obrigadas a realizar o seu traballo na sede do CIEC

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“Non se pode consentir que mentres non hai persoal dabondo e non se contrata para o servizo de limpeza do colexio, traballadoras do concello limpen a sede de entidades privadas”

Betanzos, 12 de marzo de 2014. O BNG reclamou explicacións ao goberno local do PSOE polo feito de que traballadores municipais estivesen limpando a sede da Fundación CIEC. “Considera o PSOE que o papel dos empregados públicos é atender entidades privadas desatendendo as que son as súas obrigas?” interpelaron os nacionalistas no Pleno.

Segundo explican desde o BNG “outros operarios municipais asumían tamén traballos de mantemento na mesma entidade”. Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno local que aclare “a que se debe esta ilegalidade” e que indique “quen deu esas ordes”.

Os nacionalistas denunciaron que os empregados e empregadas públicas non están para facer o seu traballo en fundacións privadas. “Non se pode consentir que mentres non hai persoal dabondo e non se contrata para o servizo de limpeza do colexio, traballadoras do concello limpen a sede de entidades privadas”, denunciou o voceiro do BNG Henrique del Río.

“Os propios empregados municipais, entre eles algúns dos que foron obrigados a prestar servizos nesta entidade privada, déronnos conta desta situación”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Agardamos que por unha vez o goberno do PSOE aforre o bochorno dunha mentira pública e dea cumprida información á veciñanza destas irregularidades”, engade.

Servizos esenciais non se cubren correctamente porque aínda con informes positivos do secretario, como a Policia Local ou o servizo de limpeza do colexio, pero os recursos nunca faltan para facer clientelismo

“Estariamos diante doutro caso de cesión ilegal de traballadores, e xa levamos denunciado uns cantos desde que o PSOE volveu ao goberno local”, explica Del Río. “Servizos esenciais non se cubren correctamente porque aínda con informes positivos do secretario, como a Policia Local ou o servizo de limpeza do colexio, pero os recursos nunca faltan para facer clientelismo”.

Desde o BNG acusaron ao PSOE de facer unha xestión de persoal totalmente clientelista e escurantista, sen ter en conta as necesidades da veciñanza. “Contratan secretarias para festas a través de empresas privadas, despiden á empregada do Cemit ao finalizar a subvención mentres manteñen operarios do Grumir sen subvención contratados, derivan persoal municipal a traballos en entidades privadas. A xestión en materia de persoal do PSOE é un auténtico escándalo, sobre todo tendo en conta que eles foron os que mandaron a fiscalía María Faraldo, cando gobernaba o PP, por prácticas similares a estas”, criticou o voceiro do BNG, “ao igual que noutros temas o único que queda claro é que PP e PSOE actúan exactamente igual”.

O BNG denuncia que empregadas municipais foron obrigadas a realizar o seu traballo na sede do CIEC