O BNG demandará no Pleno o incremento de persoal en Correos

O BNG demandará no Pleno o incremento de persoal en Correos

Henrique del Río intervén nun Pleno

“Teñen chegado citacións oficiais fóra de prazo a causa de non pasar nuns días por determinados núcleos"

“A oficina de Correos de Betanzos, ademais de atender o noso municipio, dá servizo a outros concellos da nosa comarca” polo que este prexuízo esténdese ademais a outros concellos da contorna.

Betanzos, 23 de febreiro de 2015. O Bloque pedirá no Pleno que o Concello reclame a Xunta e goberno do Estado a mellora do servizo postal en Betanzos. “Os traballadores téñennos denunciado que cada vez que hai unha ‘reforma’ da compañía pública isto tradúcese en que hai un descenso dos postos de traballo, o que implica necesariamente que as e os traballadores que quedan deben asumir o traballo que con anterioridade facían máis persoas” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Neste sentido, os nacionalistas advirten de que “esta ausencia de medios humanos necesarios para emprestar un servizo público postal de calidade xenera un evidente prexuízo tanto para as empresas como para a veciñanza de Betanzos, e do resto de concellos que cubre a oficina do noso municipio”. O voceiro do BNG recorda, ademais, que “a oficina de Correos de Betanzos, ademais de atender o noso municipio, dá servizo a outros concellos da nosa comarca” polo que este prexuízo esténdese ademais a outros concellos da contorna.

A falta de persoal na empresa pública de Correos tradúcese, como os traballadores da compañía manifestaron, en que “a pesar da política da empresa de facer rotar o persoal polas distintas zonas para que sempre pase algún repartidor/a, de forma que cando menos unha vez por semana se reparta o correo, con tan pouco persoal non se pode evitar que se acumule o correo sen repartir co conseguinte prexuízo para a veciñanza”.

Teñen chegado citacións oficiais fóra de prazo a causa de non pasar nuns días por determinados núcleos

Neste sentido, persoal da compañía pública trasladou ao BNG que “teñen chegado citacións oficiais cheguen fóra de prazo a causa de non pasar nuns días por determinados núcleos”. Estas deficiencias débense a que “o goberno do Estado español aplica a Galiza ratios de poboación sen ter en conta a dispersión poboacional do medio rural galego”.

O voceiro do BNG recordou que esta negativa a cubrir “postos vacantes por xubilacións, baixas por enfermidade, etc” fan merma no servizo público de Correos. Ademais, Del Río recorda que “gobernando o PSOE no Estado español decidiuse pechar a oficina de Correos de Betanzos polas tardes, “obrigando aos nosos conveciños a desprazarse polas tardes a Perillo ou A Coruña para facer xestións en Correos tan simples e habituais como remitir unha carta certificada”. “Este era un máis dos servizos que Betanzos ofrecía a toda a bisbarra como cabeceira comarcal” recorda.

Por este motivo, desde o BNG demandarán que se reclame ao goberno do estado que amplíe o actual cadro de persoal de Correos para garantir a calidade do servizo postal. “Desde logo, o que está a facer o PP neste servizo é a antítese do que debe ser un servizo público”, conclúen.

O BNG demandará no Pleno o incremento de persoal en Correos