O BNG demandará no Parlamento un patio cuberto para o novo ‘aulario’

Os edís do BNG acompañaron á comunidade escolar na súa mobilización polo novo colexio
O BNG demandará no Parlamento un patio cuberto para o novo ‘aulario’

Os edís do BNG acompañaron á comunidade escolar na súa mobilización polo novo colexio

“A Xunta ten 350 000 euros para pagarlle un videoclip a Enrique Iglesias na Cidade da Cultura pero para o ensino público o conselleiro di que non ten un patacón. Esta claro que o ensino público non é unha prioridade para o PP.

Betanzos, 3 de xaneiro de 2015. O BNG pediu de novo unidade de acción aos diferentes partidos, á comunidade escolar e a veciñanza en xeral en defensa do ensino público diante das últimas declaracións do Conselleiro de educación. “O Conselleiro afirmou onte que non ía cubrir unha parte do patio do novo aulario de Betanzos porque segundo as características que marca a lexislación non é necesario”, criticou Henrique del Río, voceiro do BNG. “Facer un colexio sen patio cuberto en Galiza ten tan pouco sentido como facer unha presa no Sáhara”, ironizou o nacionalista. “En todo este tema do novo colexio o PP estivo xogando todo o tempo a crear unhas expectativas nas familias que non se cumpren”, lamentou Del Río.

“Non sabemos se a parte cuberta polo aleron e diante da entrada é suficiente para cumprir a lexislación pero desde logo non é un patio cuberto”, indicou Del Río, “patio cuberto non hai e os nenos, entre 3 e 5 anos que son as idades que utilizan o aulario, non poden sair ao patio cando chove”.

“O portavoz do PP, Jose Angel Rodríguez Prieto, asegurou que se faría o patio cuberto porque así llelo dixeran os técnicos da Xunta”, recorda o edil do BNG, “e agora o conselleiro di que non é unha actuación prioritaria e non se vai facer”. Desde o BNG afirmaron que non é a primeira vez que isto sucede, xa que o mesmo concelleiro afirmara tamén no seu momento que o novo colexio non se ía convertir nun aulario, pero “os seus xefes en Santiago parecen empeñados en deixalo en evidencia”, ironizou Del Río.

O portavoz do PP, Jose Angel Rodríguez Prieto, asegurou que se faría o patio cuberto porque así llelo dixeran os técnicos da Xunta e agora o conselleiro di que non é unha actuación prioritaria e non se vai facer

“A Xunta ten 350 000 euros para pagarlle un videoclip a Enrique Iglesias na Cidade da Cultura pero para o ensino público o conselleiro di que non ten un patacón. Esta claro que o ensino público non é unha prioridade para o PP”, lamentou Del Río.

Os nacionalistas cuestionan, ademais, que o PP tumbase a súa emenda aos orzamentos para facer do aulario un novo colexio de educación infantil. “Botaron anos prometendo un colexio novo e á hora da verdade negáronse a modificar as contas cos 180 000 euros que permitisen ter un novo colexio de educación infantil en Betanzos”, explica Del Río. “Seica a Xunta non ten eses cartos, dixo o PP, mais si que tivo 600 000 euros para unha campaña publicitaria animándonos a ter fillos”, ironiza o edil do BNG. “Se houbese colexios, servizos e prestacións, non habería necesidade de animar a ninguén a ter fillos” asegura.

O BNG insiste na necesidade dunha fronte unitaria en defensa do ensino público

“Seguimos crendo que a forma de obrigar á Xunta a dar marcha atrás nesta aldraxe é ofrecer unha postura de unidade da man da comunidade escolar”, explicou Del Río. Por este motivo, desde o BNG demandaron ao goberno local de Betanzos unha vez máis que “saiba estar a á altura das circunstancias e actúe con altura de miras buscando actuacións conxuntas para enfrontar o anuncio da Xunta deixar o aulario sen un patio cuberto nun país onde chove a metade do ano”.

“A actuación do goberno do PSOE, malia apoiar a nosa proposta de levar adiante actuacións conxuntas, foi a contraria. Insistimos na necesidade de que o goberno local rectifique o seu cálculo electoralista poña por diante da súa comenencia electoral os intereses xerais da nosa veciñanza”, asegura o voceiro nacionalista. “Desde logo, se o goberno local é incapaz de buscar esta postura unitaria, o BNG fará canto estea na súa man por defender o ensino público de calidade na nosa localidade e trasladeremos este tema ao Parlamento”, concluíu.

O BNG demandará no Parlamento un patio cuberto para o novo ‘aulario’