O BNG demanda unha tarifa eléctrica galega para beneficiar á veciñanza e empresas da comarca

O BNG demanda unha tarifa eléctrica galega para beneficiar á veciñanza e empresas da comarca

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

“Non estaría de máis apostar por un modelo máis xusto ambiental e socialmente como as cooperativas de enerxías renovábeis”

Betanzos, 15 de decembro de 2014. O BNG presentou unha moción para que o Concello de Betanzos reclame á Xunta a creación dunha tarifa eléctrica galega.“É de xustiza que Galiza, pobo e empresas, se beneficien de ser un país exportador do 40% da enerxía eléctrica que producimos” indican os nacionalistas na súa iniciativa. “Se aplicamos a tarifa eléctrica en función dos custes poderiamos ter un prezo un 35% máis barato, e non é nada extraordinario porque simplemente nos permitiría unha tarifa como a media europea”, argumentan.

Segundo explican os nacionalistas, “Galiza sofre unha crise enerxética que afecta tanto ás empresas como ao pobo”. Neste sentido, “o BNG non renuncia a dar a batalla por un cambio no actual modelo enerxético que non reporta ningún beneficio pese as ser un país produtor excedentario que exporta o 40% do que produce” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG denuncian que o modelo eléctrico está “centralizado para beneficiar a Madrid, o gran consumidor da luz que non produce”. Ademais, cuestionan “a chapuza da poxa organizada polo goberno central”. Neste sentido, a tarifa eléctrica galega permitiría, segundo o BNG, descontar os custes de transporte e da perda de enerxía durante ese transporte, o que suporía unha redución do 30-35% do prezo actual.

“Desta tarifa eléctrica galega beneficiaríanse os municipios, pois son os veciños e veciñas que asumen o pago do servizo eléctrico” engade Del Río. Ademais, aseguran, a redución no recibo enerxético permitiría facer máis competitivas as empresas do país. “Estes días fálase de Alcoa, mais tamén as empresas da nosa comarca como por exemplo EMESA poderían saír beneficiadas de pagar o prezo máis xusto pola enerxía eléctrica” explica Del Río.

Por este motivo, desde o BNG propoñen ao Pleno que se reclame á Xunta a rebaixa das peaxes das tarifas nun 30%, “tanto para o consumo doméstico como para as empresas”. “Un prezo xusto pola luz axuda a reducir a pobreza enerxética e contribúe a dinamizar o tecido industrial”, explican.

Revisión das facturas para reclamar cobros indebidos ao Concello

Ademais, os nacionalistas tamén propoñerán que o Concello revise as súas facturas de enerxía eléctrica para comprobar se están correctas. “O pasado mes de xuño a Xunta recoñeceu que nos últimos cinco anos foron cobradas aos concellos cantidades ‘prohibidas’ e que as distribuidoras devolveron os cobros do último ano”, explica o edil do BNG. “Sen embargo, os concellos son consumidores, e polo tanto a normativa de consumo contempla que as infraccións “prescriban aos cinco anos”, polo que se poden reclamar”, engade.

Por este motivo, os nacionalistas propoñerán iniciar a revisión de todas as facturas emitidas pola empresa de distribución de enerxía eléctrica ao Concello, cando menos desde o ano 2009, para detectar posíbeis erros e cobros indebidos. “Se se detectan cobros indebidos, tamén pedimos que se fagan as oportunas reclamacións para que se devolva o que foi cobrado de máis”, explica o portavoz municipal do BNG.

Ademais, demandarán que se leve adiante un estudo para avaliar as condicións da subministración eléctrica e, de ser o caso, promover un concurso público para conseguir a mellor oferta de subministración. “Non estaría de máis apostar por un modelo máis xusto ambiental e socialmente como as cooperativas de enerxías renovábeis”, engade Del Río.

O BNG demanda unha tarifa eléctrica galega para beneficiar á veciñanza e empresas da comarca