O BNG demanda que se obrigue á concesionaria a manter en condicións a rede de traída e saneamento

O BNG demanda que se obrigue á concesionaria a manter en condicións a rede de traída e saneamento

As queixas pola calidade da auga da traída son unha constante

“Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano desprendese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación”

Desde o BNG criticaron ao goberno que non valore outras propostas como recuperar o servizo para a xestión directa e se permita á empresa incumprir as condicións do contrato.

Betanzos, 25 de febreiro de 2015. O BNG presentou onte unha iniciativa no Pleno preocupándose polo estado da rede de saneamento e subministro de auga. “Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano desprendese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“Segundo os contratos que rixen estes servizos, o mantemento de ambas redes de canalización corresponden á empresa concesionaria, Viaqua, que explota e se lucra deste servizo público”, informou o nacionalista. “Porque non incluíron estes datos no informe que a iniciativa do BNG pediu o Pleno sobre estes servizos para valorar a súa remunicipalización?”, cuestionou o nacionalista ao goberno local do PSOE.

“Porque se consinte, sabendo isto, que a concesionaria as manteña nestas condicións?”, criticou Del Río. “Os veciños e veciñas pagamos todos os meses por un servizo de calidade, sen embargo, como xa temos denunciado as condicións do saneamento e da traída de auga deixan moito que desexar”. “Que ten pensado facer o goberno local do PSOE para solucionar esta situación? En que prazos?” interpelou.

Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano despréndese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación

Desde o BNG criticaron ao goberno que non valore outras propostas como recuperar o servizo para a xestión directa e se permita á empresa incumprir as condicións do contrato. “As novas obras, o local e todos os outros gastos saen dos cartos públicos. O único que lle correspondería a empresa é o mantemento e, polo que parece, nin iso fai mentres acumula cantidades tremendas de beneficios a costa da veciñanza”, abundou o nacionalista.

Queixas por fugas no saneamento

“Aínda esta mañá toda a veciñanza podía ver unha fuga no saneamento que baixa do Coto, na estrada de Santiago, que saía cun chorro de medio metro de altura. A media mañá quedaba aínda fuga aínda que xa non a chorro. O grave é que é practicamente no mesmo sitio onde todo o ano pasado sufrimos continuas fugas e queixas dos veciños e veciñas da zona”, indicou Del Río. “O goberno local do PSOE ten que garantir que a empresa concesionaria presta o servizo nunhas condicións mínimas”, concluíu.