O BNG demanda fondos nos orzamentos para segregar o aulario

O BNG demanda fondos nos orzamentos para segregar o aulario

Os edís do BNG acompañaron á comunidade escolar na súa mobilización polo novo colexio

As nacionalistas solicitaron orzamentos para converter o antigo ambulatorio nun centro de día público. As emendas do BNG ás contas da Xunta inclúen tamén pedir fondos para mellorar o servizo de pediatría e para a gratuidade dos comedores escolares.

Betanzos, 18 de novembro de 2015. O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para Betanzos, centradas en garantir uns servizos públicos de calidade e o benestar de toda a veciñanza.

As demandas do grupo nacionalista centráronse no ensino e na sanidade. Así, demandaron un ano máis os fondos suficientes para segregar o aulario e garantir o seu funcionamento como un colexio de educación infantil totalmente independente, en torno a 180 mil euros anuais. O portavoz do BNG-Asembleas abertas Henrique del Río recordou que “o BNG xa leva presentadas varias iniciativas no Parlamento reclamando a conversión do aulario nun colexio independente, xa que entendemos que esta situación contribúe a degradar a calidade do ensino público na comarca”.

Do mesmo xeito, reclamaron tamén fondos para a construción do patio cuberto do aulario, unha demanda unánime de toda a comunidade escolar. Ademais, desde o BNG pediron unha partida suficiente para acometer a reforma do CEIP Vales Villamarín, comezando pola substitución de fiestras e cubertas.

 Pedimos tamén orzamento para converter o antigo ambulatorio nun centro de día público

As nacionalistas demandan á Xunta, ademais, que asuma a xestión dos comedores escolares e que garanta a súa gratuidade cun financiamento suficiente. “E con xestión directa, que xa vimos estes días no que desemboca a privatización de servizos”, engade o voceiro nacionalista en Betanzos, Henrique del Río.

Nesta mesma liña, solicitaron tamén orzamento para converter o antigo ambulatorio nun centro de día público. “O edificio, público e adaptado a persoas con problemas de mobilidade, continúa o seu proceso imparábel de deterioro cando podía contribuír á mellora do benestar da veciñanza”, apuntan desde o BNG. As nacionalistas lembran que “na nosa comarca non hai ningún centro de día público, polo que hai unha carencia total deste tipo de servizos de benestar”.

O BNG pediu tamén fondos para garantir o persoal no servizo de pediatría, o que redunda nunha mellora efectiva do mesmo. “Actualmente só hai servizo polas mañás e dúas tardes á semana, o que complica o atendemento e a conciliación e obriga a desprazarse a outros centros ou ao complexo hospitalario da Coruña”, explican as nacionalistas. “Con este investimento modesto estariamos desconxestionando, ademais, os hospitais da Coruña”, engade Del Río.

Rehabilitación de todas as casas da Xunta no Casco Histórico

O BNG demandou, de novo como fixo durante os últimos 5 anos, fondos para rehabilitar as vivendas que a Xunta ten no Casco Histórico. “Fondos para comezar as obras xa” puntualiza Del Río. Desde o BNG consideran que “despois de que a Xunta tivese cinco anos caendo estas casas non quedan excusas para non rehabilitalas e destinalas a vivenda pública como prometera cando as mercou en plena campaña electoral”.

O BNG demanda fondos nos orzamentos para segregar o aulario