O BNG demanda que se abra o paso ao río nas Cascas

O BNG demanda que se abra o paso ao río nas Cascas

Henrique del Río e María Otero conforman o grupo municipal do BNG

Desde o BNG urxen ao goberno local a poñer fin a un verquido que leva meses producíndose a escasos metros da ponte das Cascas.

Betanzos, 31 de marzo de 2014. O BNG demandou no Pleno que se garanta o acceso á beira do río Mendo no entorno da ponte vella das Cascas. “Hai unha valla que impide acceder á beira do río, zona pública segundo a lexislación de augas”, explicou a nacionalista María Otero.

Os nacionalistas preguntaron ao executivo local sobre “que accións adoptou para garantir o paso á zona de servidume do río”. “Ou desisten de garantir o acceso público ao río?”, interpelou a edila do BNG.

Desde o BNG urxen ao goberno local a poñer fin a un verquido que leva meses producíndose a escasos metros da ponte das Cascas. “A auga sae con bastante potencia e presión desta canalización desde hai meses, como nos trasladaron varias persoas que cruzan a diario a ponte” indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Coa marea baixa o chorro de auga sae máis dun metro cara arriba” explica o edil do BNG, que ironiza sobre se “este géiser do Mendo será unha nova atracción turística dentro de algún plan do goberno do PSOE”.

“Non se pode celebrar a declaración como Reserva da Biosfera e manter este tipo de situacións”, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Se unha declaración como a de Reserva da Biosfera admite todas estas prácticas a nós decepciónanos. Xa dixemos no seu momento que esperábamos que valera para algo pero parece que non”, lamenta.

O BNG demanda que se abra o paso ao río nas Cascas