O BNG criticou que o goberno local gastase 8000 euros só nas festas do entroido

O BNG criticou que o goberno local gastase 8000 euros só nas festas do entroido

Os edís do BNG nun acto público

“O goberno do PSOE renunciou a implicarse na creación de emprego e estraga os cartos públicos nas festas”.

Betanzos, 15 de febreiro de 2013. O BNG criticou que o goberno local do PSOE gastase 8000 euros na programación festiva do Entroido mentras alega que non hai cartos para bolsas de comedores ou para o centro de formación ocupacional. O voceiro do BNG, Henrique del Río, lembrou que un dos motivos que levaron aos nacionalistas a rexeitar os orzamentos do goberno de Ramón García foi “o dispendio de 238 000 euros en festas, unha cantidade indecente coa que está caendo”.

Os nacionalistas exixen ao executivo do PSOE que aclare “en que gastaron semellante cantidade de cartos” á vista, ademais, da “mesma programación de Entroido pobre e sen imaxinación que no básico é exactamente a mesma que o PSOE antes criticaba ao PP”. “Non están os tempos para tirar así 8000 euros tendo 1255 persoas sen emprego no municipio”, reprochan, “o goberno do PSOE renunciou a implicarse na creación de emprego e estraga os cartos públicos nas festas”.

Desde o BNG entenden que a cantidade sería suficiente para financiar programas que fagan a crise máis levadeira para as veciñas e veciños de Betanzos. A modo de exemplo, os nacionalistas lembran que o Pleno aprobou unha moción súa para crear e dotar unhas bolsas para actividades escolares que evitasen que poida haber nenos e nenas que queden sen estes cursos por problemas económicos. O BNG presentou unha emenda aos orzamentos municipais, que o PSOE non admitiu, para financiar estas bolsas con 10 000 euros.

“O PSOE está a facer exactamente o mesmo que criticaba ao PP”, indicou o voceiro nacionalista. “Conxelar o gasto social e manter os dispendios en festas. Estas son as cousas que a xente non entende nun momento de crise terríbel coma o que estamos a vivir”, apuntan desde o BNG.

O BNG criticou que o goberno local gastase 8000 euros só nas festas do entroido