O BNG critica que o PSOE asuma como seu o copago na axuda no fogar imposta polo PP

O BNG critica que o PSOE asuma como seu o copago na axuda no fogar imposta polo PP

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

“O PP evitou apoiar esta medida, deseñada polo propio PP, por electoralismo”. O BNG non asiste aos pinchos de Nadal do Concello: “Non nos parece asumíbel que en tempos de recortes tremendos en servizos para os veciños e veciñas se gasten cartos públicos en facer pinchos”.

Betanzos, 23 de decembro de 2013. O BNG criticou no Pleno a suba das tarifas do servizo de axuda no fogar para os grandes dependentes. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, advertiu de que “a Xunta do PP impón que se lle cobre máis aos grandes dependentes mentres reduce o horario de atención para todas as persoas que utilizan o servizo dea xuda no fogar”.

Os nacionalistas criticaron ao PP por absterse nunha votación que adaptaba a Betanzos as tarifas e horarios impostas polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. “É vergoñento que por electoralismo o PP evitase respaldar unha medida deseñada polo propio PP”, indicou Del Río. “O PSOE asumiu sen ningunha crítica o modelo do PP e entre os dous están acabando co servizo público de axuda no fogar do Concello”, indicou.

“Substitúen os servizos sociais, que garanten un dereito, por caridade, por unha esmola”, denunciou o edil do BNG. “O goberno local do PSOE nin sequera fixo unha queixa testemuñal e cara á galería, non lle incomoda a inxustiza que impón o PP desde a Xunta xa que nin a denuncia”, advertiu.

Os nacionalistas denunciaron que “empeora a calidade do servizo da axuda no fogar” xa que “as revisións do coordinador do servizo pasarán de ser dúas ao mes a unha cada dous meses”.

“O PP impón que se reduzan as horas de atención, sube o copago para os grandes dependentes e empeora a calidade do servizo e o PSOE desde o Concello non di nada”, resumen desde o BNG. “O peor é que traen esta modificación ao Pleno antes xusto do Nadal para ver se a sacan sen que se entere a veciñanza”, denuncia Del Río. “Iso si, despois PSOE e PP xa organizarán algún acto benéfico estes días para lavar as mans e a conciencia mentres obrigan a pagar máis aos que menos teñen”, concluíu.

O BNG non asiste aos pinchos de Nadal do Concello

Dado que o goberno municipal do PSOE nin sequera respondeu á solicitude do BNG de que os pinchos de Nadal do Concello non fosen pagados con cartos de todos os betanceiros e betanceiras, os edís nacionalistas optaron por non acudir. “Non nos parece asumíbel que en tempos de recortes tremendos en servizos para os veciños e veciñas se gasten cartos públicos en facer pinchos”, engadiu o voceiro do BNG.

“O ano pasado propuxemos que os pinchos de Nadal se pagasen ‘a escote’ entre quen asistise, e anunciamos que o BNG non asistiría se ían ser pagados con fondos que deben destinarse a servizos públicos”, lembrou o portavoz nacionalista. “Aínda estamos agardando resposta do goberno do PSOE a esta solicitude, así que este ano tampouco iremos”, explicou o voceiro nacionalista.

O BNG critica que o PSOE asuma como seu o copago na axuda no fogar imposta polo PP