O BNG critica que a conta xeral dea un déficit de 173 422,75 euros

Os "indicadores de contabilidade" da conta xeral desminten que o goberno local executase o 99% dos ingresos
Os "indicadores de contabilidade" da conta xeral desminten que o goberno local executase o 99% dos ingresos
O BNG critica que a conta xeral dea un déficit de 173 422,75 euros

Henrique del Río é o portavoz municipal do BNG

O BNG denunciou a manipulación das cifras da conta xeral do 2012, que onte presentou no Pleno o goberno local do PSOE. Nas festas, o goberno local do PSOE gastou no 2012 uns 214 000 euros por riba do orzamentado “tan só na partida de festexos”.

Betanzos, 28 de agosto de 2013. O BNG denunciou a manipulación das cifras da conta xeral do 2012, que onte presentou no Pleno o goberno local do PSOE. Os nacionalistas denuncian que a conta dá un déficit de 173 422,75 euros. “Isto non o recoñeceu o concelleiro de Facenda no Pleno até que o denunciamos desde o BNG”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Contra o que anuncia triunfalistamente o goberno do PSOE, o investimento caeu de 723,76 euros por habitante en 2011 a 62,05 no 2012”, explica o portavoz do BNG. “Isto supón que se baixa o investimento municipal do 19% ao 11%, e polo tanto é mentira que o PSOE aumentase as inversións”, denuncia.

“Na única cousa que non mentiu o goberno do PSOE é na redución do endebedamento, pero non como consecuencia da súa acción de goberno”, ironiza Del Río. “O endebedamento minguou porque o goberno local tivo que facer fronte á cota correspondente dos créditos que ten o Concello”, explica. “Non puido aumentar

a débeda porque o incumprimento do plan de saneamento económico do Concello por parte do PSOE impide contratar novos créditos para inversións”, engadiu.

O BNG advirte, ademais, que o goberno do PSOE disparou o gasto en protocolo, propaganda e festas en contra do que di. “Gastaron 23 000 euros por riba do orzamentado en protocolo e outros 13 000 en propaganda”, indica o voceiro nacionalista, que recorda que o BNG xa asegurou que os gastos en publicidade e protocolo do orzamento xa eran “escandalosos”.

Nas festas, o goberno local do PSOE gastou no 2012 uns 214 000 euros por riba do orzamentado “tan só na partida de festexos”. “A esta cantidade hai que sumarlle outras, como 4400 euros de ‘festexos populares’ ou 19 000 de ‘estudos e traballos técnicos’ no programa de festas”, explica o edil nacionalista.

“Parécenos vergoñento que no momento no que estamos as prioridades do goberno local sexan gastos en festas, autobombo e protocolo, que non deixan de ser paparotas”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.

No tocante aos ingresos, “é mentira que o PSOE conseguise recadar o 99% das previsións como aseguran”. “De feito, a execución do orzamento de ingresos só chega ao 85%”, indica, “e na taxa das terrazas prevían ingresar 15 000 e só recadaron 4309,70, e apesar desto aproban unha amnistía fiscal para os bares do Campo”.

Os nacionalistas entenden que fica demostrado que o orzamento do 2012, aprobado por PSOE e CxB en outubro, estaba “completamente fóra da realidade, como demostra que en 3 meses de vixencia precisase 33 modificacións, a 11 por mes”.

Polo tanto, o BNG acusa ao goberno local do PSOE de pretender enganar á veciñanza cun “discurso de política-ficción cunha conta xeral que demostra que está levando a cabo exactamente as mesmas políticas que levou o PP hai dous anos e medio, e que ten as mesmas prioridades que antes criticaba ao PP”.