O BNG cre que o PP excúsase no custo de mudar as rúas para manter as honras públicas aos franquistas

O BNG cre que o PP excúsase no custo de mudar as rúas para manter as honras públicas aos franquistas

O betanceiro Manuel Crestar plasmou así a represión franquista en Betanzos

“O PP pediu que se lle dedicara unha rúa a Julio Romay Beccaría, o último alcalde da dictadura, supoño que cambiar o nome tería o mesmo custo que ten para aplicar a lei de memoria histórica”. “Que exemplo dá unha sociedade que fai pasear ás familias das vítimas por rúas que reciben o nome dos seus asasinos?”

Betanzos, 23 de abril de 2014. O BNG lamentou as “excusas de mal pagador” do PP para que se cumpla a lei de memoria histórica e se restitúa unha mínima dignidade como seres humáns ás vítimas da represión franquista e ás súas familias. Os nacionalistas xa anunciaron a presentación dun voto particular á proposta do PSOE, que só contempla retirar honras a 9 altos cargos da dictadura cando son máis de 20 as persoas que teñen distincións por ter ocupado cargos públicos no franquismo.

“Non ten sentido que o PP veña metendo medo á xente co custo que para a veciñanza pode ter cambiar o nome a unhas rúas cando o propio PP ten pedido honras para moitas outras persoas”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Sen ir máis lonxe o propio PP pediu que se lle dedicara unha rúa a Julio Romay Beccaría, o último alcalde da dictadura, supoño que cambiar o nome tería o mesmo custo que ten para aplicar a lei de memoria histórica”, ironizou.

“Que custo ten cambiarlle o nome a unha rúa máis que mudar un par de placas?” engadiu Del Río, “o que está facendo o PP con esta actitude é demostrar claramente cal é o seu verdadeiro talante, todos sabemos que o problema non é o custo é a condena á dictadura franquista”.

“Se fose para dedicarlle unha rúa a Feijóo o PP non tería tantos reparos co custo de renomear unha rúa”, ironizou. De feito, os nacionalistas cuestionan que “soamente no que vai de lexislatura o PP levou ao Pleno en máis de catro ocasións que se lle adicaran honras a persoas máis ou menos vinculadas á nosa vila e non reparou no custo 'tremendo' destas propostas”.

Que exemplo dá unha sociedade que fai pasear ás familias das vítimas por rúas que reciben o nome dos seus asasinos?

Os nacionalistas aseguran que “a cuestión non é o custo da medida, é unha cuestión de dignidade e de reparación ás vítimas da dictadura”. “O PP pretende asustar co custo de cambiar unhas cantas pracas para que a xente non vexa positivo algo que é normal en calquera sociedade democrática avanzada como é non rendir honras públicas a golpistas e cómplices”, engaden. “Non pode ser que o PP se acorde da crise para excusar manter as honras aos asasinos, os seus cómplices e patrocinadores e que non se acorden desa mesma crise cada vez que cargan un novo copago ou recortan en servizos asistenciais á xente que máis os precisa”, asegurou Del Río.

Para o voceiro nacionalista, “o normal en calquera sociedade democrática que se precie é retirar todas as honras públicas a quen colaborou cun réxime dictatorial e criminal”. E aí desde o BNG inclúen a xenerais golpistas, a ministros da dictadura e “aos alcaldes e presidentes da Deputación que representaron ao réxime para a veciñanza amparando as violacións dos Dereitos Humanos que se deron tamén en Betanzos”. “Supoño que non haberá que recordar que o campo de concentración da Madalena non foi precisamente unha colonia de vacacións á que acudía a xente para relaxarse”, ironiza Del Río.

“Os nacionalistas consideran que “con Lei de Memoria Histórica ou sen ela, calquera sociedade democrática retiraría de inmediato os honores aos que liquidaron un réxime democrático e aos que aplaudiron”. “Non hai rúas de Salazar ou Caetano en Portugal, de Mussolinni en Italia nin de Hitler, Goebbels ou Himler en Alemaña, non ten por que habelas aquí para os seus correlixionarios”, indican desde o BNG. “Que exemplo dá unha sociedade que fai pasear ás familias das vítimas por rúas que reciben o nome dos seus asasinos?”, concluíu Del Río.

O BNG cre que o PP excúsase no custo de mudar as rúas para manter as honras públicas aos franquistas