O BNG de Betanzos reclama que non se peche a escola infantil polas tardes

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos

Amelia Sánchez: “Solicitámoslle ao goberno local que manteña aberta a escola infantil Santiago de la Fuente na quenda de tarde, logo da publicación da supresión deste servizo nos días pasados”.

Desde o BNG destacan que, abrindo a escola na quenda de tarde, permitiríase desdobrar grupos nun momento en que reducir o número de pequenas por aula é vital.

O BNG de Betanzos reclama que non se peche a escola infantil polas tardes

Betanzos, 8 de agosto de 2020. O BNG de Betanzos reclámalle ao goberno municipal que manteña aberta a escola infantil Santiago de la Fuente na quenda de tarde, logo da publicación da supresión deste servizo nos días pasados.

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, solicitoulle ao goberno local que reconsidere a decisión de manter pechada a escola infantil municipal polas tardes. “Un dos aspectos máis esquecidos durante a pandemia da Covid foi o da conciliación da vida familiar e laboral. Se continuamos a ofrecer este servizo, facilitaremos a conciliación das familias e priorizaremos a atención das pequenas”.

Desde o BNG tamén destacan que, abrindo a escola na quenda de tarde, permitiríase desdobrar grupos nun momento en que reducir o número de pequenas por aula é vital. “A redución da ratio, fundamental para a correcta atención das usuarias, convértese agora nunha cuestión de saúde. De termos grupos máis reducidos, limitaremos o número de afectadas contaxiadas ante un posíbel brote”, subliñou Sánchez.

Segundo o goberno local, o peche obedece á falta de solicitudes, mais a oferta crea demanda, máxime cando se tratar dun servizo básico, que non se pode medir en termos de beneficio ou de perda económica.

O BNG de Betanzos reclama que non se peche a escola infantil polas tardes