BNG-Asembleas Abertas presenta o primeiro tramo da súa candidatura

BNG-Asembleas Abertas presenta o primeiro tramo da súa candidatura

SONY DSCTeresa Rivera, Carlos Días, María Bonome, Andres Otero Martínez e Pilar Vázquez compoñen o primeiro tramo xunto a Henrique del Río como candidato á Alcaldía.

“O grupo do BNG-Asembleas Abertas celebrará encontros sectoriais para elaborar o seu programa de goberno e recollerá propostas de todas as persoas e colectivos que queiran facer achegas para un cambio indispensábel e urxente na nosa cidade”.

Betanzos, 7 de febreiro de 2015. O BNG fixo público o primeiro tramo da candidatura, que baixo as siglas BNG-Asembleas Abertas, concorrerá ás eleccións do vindeiro mes de maio. A proposta nace das Asembleas abertas que o BNG ven celebrando en Betanzos nos últimos meses e estará encabezado polo actual portavoz municipal Henrique del Río. “Presentamos hoxe a primeira parte dun grupo de traballo que nace das asembleas abertas, do dialogo con persoas independentes que se integran neste grupo buscando fortalecer o nacionalismo e un cambio indispensábel en Betanzos”, explicou Del Río.

O candidato nacionalista volveu convidar á unidade a través das asembleas abertas a “todas as persoas preocupadas pola situación de Betanzos e do País, porque cremos que é necesario tender pontes desde a base para desaloxar do Concello ao PP e ao PSOE, que son as dúas caras das mesmas políticas en contra das maiorías sociais”.

No grupo de BNG-Asembleas Abertas participarán, ademais de Henrique del Río, Teresa Rivera, Carlos Días, María Bonome, Andres Otero Martínez e Pilar Vázquez. “Trátase dun equipo no que se integran persoas independentes xunto con outras que levan anos traballando no BNG”, explicou del Río. “Un grupo no que se intenta visibilizar o traballo social e sindical acreditado durante anos e no que pensamos que se integra unha parte da xente máis activa da nosa cidade”, salientou.

Desde o BNG fan un chamamento para construír “unha alternativa nacionalista”, e levar a cabo un proceso que permita que “darlle un futuro” a Galiza. “Trátase dun proceso local, se enmarca nun nacional para darlle futuro e esperanza a Betanzos e ao País”, explican.

Encontros sectoriais para elaborar o programa

Neste sentido anunciou que “o grupo do BNG-Asembleas Abertas celebrará encontros sectoriais para elaborar o seu programa de goberno e recollerá propostas de todas as persoas e colectivos que queiran facer achegas para un cambio indispensábel e urxente na nosa cidade”.

Henrique del Río aproveitou para poñer en valor o traballo do grupo nacionalista durante os últimos catro anos, “tentando trasladar ao Pleno as demandas da nosa veciñanza e denunciando as políticas tremendamente inxustas que PP e PSOE –as dúas caras do mesmo sistema- están levando a cabo en contra dos intereses da maioría, sexa en forma de recortes ou dispendios ou en forma de políticas prexudiciais para a veciñanza, como a antena de telefonía móbil a carón das casas en Viraventos, a loita polo novo colexio público, a gasolineira fronte ao colexio ou privatización de servizos, entre outras”.

“Chegou o momento por fin de que a maioría construamos a nosa alternativa para cambiar Betanzos, partindo da experiencia destes anos” concluíu.

BNG-Asembleas Abertas presenta o primeiro tramo da súa candidatura