O BNG-Asembleas Abertas potenciará o servizo de normalización lingüística

Henrique del Río leu un poema do mariñán Lugrís Freire na Festa das Letras
Henrique del Río leu un poema do mariñán Lugrís Freire na Festa das Letras
O BNG-Asembleas Abertas potenciará o servizo de normalización lingüística

Henrique del Río leu un poema do mariñán Lugrís Freire na Festa das Letras

“Modificaremos o regulamento da escola infantil municipal que aprobou o goberno local do PSOE hai uns meses para darlle cabida ao ensino da lingua nos primeiros anos do ensino”

Betanzos, 17 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas apostou por “poñer en valor a lingua propia e fomentar o seu uso e prestixio en todas as accións do Concello e en todos os ámbitos e sectores do municipio”.

“A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a nosa lingua”, explicou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. “É responsabilidade de todos e de todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron”.

Desde o BNG-Asembleas abertas apostan por potenciar o servizo de normalización lingüística, dotandoo de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente. “Este servizo planificará, xestionará e executará as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais”, engadiu del Río.

“Apostamos tamén por modificar o regulamento da escola infantil municipal que aprobou o goberno local do PSOE hai uns meses para darlle cabida ao ensino da lingua nos primeiros anos do ensino e polo cumprimento das medidas aprobadas no Plan de normalización da lingua galega en todo o que afecta a administración local”, explicou o candidato nacionalista.

Carlos Díaz, terceiro da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, recitou a Manuel María

“A nosa lingua e patrimonio de todos e todas e desde o BNG-Asembleas abertas apostamos por fomentar o seu uso todos os días do ano e non só o 17 de maio”, concluíu Del Río.

O candidato nacionalista participou con outros membros da candidatura do BNG-Asembleas abertas no maratón de lectura organizado pola libraría Biblos na praza de Santiago en Betanzos e “resaltou a importancia destas iniciativas sociais para crear conciencia da importancia do uso da lingua en todos os ámbitos e do valor da creación cultural na lingua propia”.

O BNG-Asembleas Abertas potenciará o servizo de normalización lingüística