O BNG-Asembleas Abertas pide que se reparen as deficiencias da Oficina de Turismo

O BNG-Asembleas Abertas pide que se reparen as deficiencias da Oficina de Turismo

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

“O goberno debería informar se os traballos supoñerán o peche desta oficina e, de ser o caso, onde se atenderá ás persoas que visiten Betanzos mentres”.

As nacionalistas tamén pediron delimitar un área de autocaravanas para aumentar a oferta dispoñíbel e atraer turismo a Betanzos”

Betanzos, 8 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas pediu no Pleno que se reparen as dependencias da oficina municipal de Turismo. Segundo indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “ a CIG, presentou semanas atrás unha denuncia ante a Inspección de traballo” que se traduciu nunha orde para reparar, en 15 días, “até 13 infraccións da normativa de riscos laborais”.

O edil nacionalista lembrou que foron traballadoras municipais quen denunciaron que este lugar “non cumpría cunha mínimas condicións de seguridade” e urxiu ao executivo local a “subsanar todos os defectos reseñados no informe da Inspección de Traballo”.

“Damos por suposto que o goberno do PSOE acatará o informe de Inspección e que serán subsanados todos os defectos constatados no informe”, ironizou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, que pediu ao goberno local que “informe dos prazos previstos para as distintas actuacións de reparación”.

Ademais, solicitou que se informe “se estes traballos impedisen a apertura ao público da oficina, durante cantos días sería” e “onde se atendería a quen visite Betanzos e necesite asesoramento turístico no que duran estes traballos”.

Solicita que se delimite xa a área para autocaravanas acordada no Pleno

O Bloque pediu, ademais, que o goberno local aposte “por formas de turismo alternativas ás habituais, como por exemplo o turismo de autocaravanas”. “Este tipo de turismo representa un modelo diferente, alternativo, menos explotado na nosa contorna e por tanto cheo de potencialidades para a comarca das Mariñas e nomeadamente para as súa capital, Betanzos” relatou Del Río.

Por este motivo, desde o BNG-Asmebleas Abertas demandaron ao goberno local que indique cal é a ubicación elixida para ubicar a área de autocaravanas que o Pleno decidiu crear para explotar esta modalidade de turismo alternativa. “É unha forma de aumentar a oferta dispoñíbel e de atraer o turismo a Betanzos”, indoca Del Río, “só resta por saber se está disposto o goberno local a converter Betanzos nun referente do turismo de autocaravanas”.