O BNG-Asembleas Abertas pide que se cubran as baixas da escola infantil municipal

O BNG-Asembleas Abertas pide que se cubran as baixas da escola infantil municipal

O goberno de Ramón García quería subir 50 euros a asistencia a clase na escola infantil municipal

As nacionalistas propoñerán que se revise o regulamento da escola infantil municipal para adaptalo ao disposto na Carta Europea de Linguas Rexionais.

Betanzos, 25 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandará no Pleno do vindeiro martes que o goberno local cubra as baixas da escola infantil municipal de San Francisco. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, pais e nais “fixéronos chegar as súas queixas porque non se cobren as baixas laborais e iso provoca que as aulas superen amplamente a ratio permitida”. “Polo que sabemos, as queixas xa son coñecidas pola concelleira de Servizos Sociais sen que, polo de agora, movese un dedo para solucionar este problema, polo menos até agora”, relatan.

As nacionalistas lamentan que a calidade do ensino se resinte “a pesar da profesionalidade e o esforzo que fan o resto de compañeiras”. “Poñer máis alumnado do legalmente permitido por aula e exixirlle máis traballo ás docentes fan que a calidade do servizo se resinta”, advirten.

“O problema de fondo é que fai falla máis persoal na escola infantil, que o que hai xa é moi xusto para as catro unidades que ten, segundo o regulamento que se aprobou este mesmo ano”, indican as nacionalistas. “Cun cadro de persoal tan axustado é moi doado que calquera baixa provoque o incumprimento da normativa”, engaden. “E se, como parece que aconteceu este curso, ademais se incrementa a matrícula, hai un problema agravado pola falta de previsión do goberno local”, relatan.

Por este motivo, o BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno que se inste ao goberno local a cubrir “de inmediato” estas baixas “para garantir a calidade do servizo” na escola infantil municipal. “Supoñemos que o PSOE está disposto a prestar este servizo cunhas mínimas garantías de calidade, por iso non entendemos como non soluciona os problemas da escola infantil”, engaden.

Cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais na escola infantil

Ademais, as nacionalistas propoñerán que se revise o regulamento da escola infantil municipal para adaptalo ao disposto na Carta Europea de Linguas Rexionais. “A Carta é un tratado asinado polo estado español que obriga a garantir total ou parcialmente o ensino preescolar en galego”, explica. “É estrana a coincidencia do PSOE e o PP á hora de aplicar a mesma política lingüística, un na escola infantil e o outro no ensino que depende da Xunta. Xa dirá o PSOE por que logo a critica” ironiza Del Río.

O BNG-Asembleas Abertas pide que se cubran as baixas da escola infantil municipal