O BNG-Asembleas Abertas pedirá a cesión do treito urbano da N-VI

O BNG-Asembleas Abertas pedirá a cesión do treito urbano da N-VI

Imaxe da xuntanza do BNG-Asembleas Abertas coa asociación de veciñ@s

“Non ten sentido que o Estado ceda este tramo da N-VI e non o tramo urbano da N-651, que travesa dous barrios e é realmente unha vía netamente urbana limitada a 30 km por hora. O goberno español mantena como rede viaria estatal como trampa para non asumir como única alternativa ao tráfico pesado a AP-9 e non ter que liberar a peaxe”.

Betanzos, 16 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas lamentou que o Ministerio de Fomento se negue a adoptar medidas adicionais de seguridade viaria na N-651 e N-VI ao seu paso pola Madalena e A Angustia. “Todo o que admite o goberno español é estudar novas medidas de baixo custo para mellorar a seguridade viaria, é dicir, que non van gastar nada en mellorar a seguridade viaria nesta vía”, lamenta o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.

“A N-VI ao paso pola Angustia non cumpre os resuitos normativos dunha travesía”, responde Fomento ás deputadas do BNG no Congreso dos Deputados. Por este motivo, o goberno español do PP négase a colocar na Angustia o paso de cebra que a veciñanza demanda. “Segundo uns señores de Madrid que nunca na vida viron a Angustia, é perigoso poñer un paso de cebra, e é moito mellor a situación actual e que a xente cruce onde lle cadre e sen seguridade”, ironiza Del Río.

Do mesmo xeito, desde o BNG-Asembleas Abertas lamentan que o goberno español se negue a regular de algún xeito o cruce da Madalena- a veciñanza propuña semáforos- porque hai poucos peóns e pasos de cebra cerca. “Non ten sentido ningún tratar como unha estrada fóra dunha poboación o que leva anos sendo unha rúa máis de Betanzos”, lamenta Del Río.

Segundo uns señores de Madrid que nunca na vida viron a Angustia, é perigoso poñer un paso de cebra, e é moito mellor a situación actual e que a xente cruce onde lle cadre e sen seguridade

“Esta estrada corta en dous tanto o barrio da Madalena como o núcleo da Angustia, polo que o goberno español terá que garantir a seguridade viaria no seu entorno”, engaden desde o BNG-Asembleas Abertas. “Ou é que para o PP esta veciñanza é de segunda categoría?”, ironiza. “E outro tanto se pode dicir coa N-651 que cruza tamén os barrios da Ribeira e a Ponte Vella, xa que Fomento se nega a cedela ao Concello o mínimo é que garanta a súa conservación para evitar molestias á veciñanza, e desde logo mellorar a seguridade viaria como demandan as veciñas”, insiste.

Cesión da N-VI no treito urbano

O Ministerio de Fomento abre a porta a ceder ao Concello de Betanzos, de xeito gratuíto, o trazado da antiga N-VI desde Queirís até o remate da rúa do Valdoncel ao pé da Ponte Nova. “Se o Concello asume esta vía acabarase o cruce de reproches permanente entre gobernos do PSOE e do PP para ter sen amañar e sen limpar unha das principais vías da cidade”, explica Del Río. Por este motivo, anticipa, o BNG-Asembleas Abertas levará ao Pleno a solicitude de cesión deste vial.

“Non ten sentido que o Estado ceda este tramo da N-VI e non o tramo urbano da N-651, que travesa dous barrios e é realmente unha vía netamente urbana limitada a 30 km por hora” insisten as nacionalistas. “O goberno español mantena como rede viaria estatal como trampa para non asumir como única alternativa ao tráfico pesado a AP-9 e non ter que liberar a peaxe”, conclúe.

O BNG-Asembleas Abertas pedirá a cesión do treito urbano da N-VI