O BNG-Asembleas abertas esixiu ao goberno local solución aos problemas do barrio da Madalena

O BNG-Asembleas abertas esixiu ao goberno local solución aos problemas do barrio da Madalena

Imaxe da xuntanza do BNG-Asembleas Abertas coa asociación de veciñ@s

O grupo nacionalista denunciou no pasado pleno municipal a existencia no barrio de numerosos buracos no firme, muros sen consolidar, falta de canalizacións ou canalizacións entupidas pola follaxe, así como graves problemas de seguridade viaria.

Betanzos, 10 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas abertas levou ao Pleno as demandas da Asociación de veciños e veciñas da Madalena e a Condomiña. En xuntanza previa ao Pleno, a asociación veciñal transmitira ao grupo nacionalista a súa preocupación pola situación do barrio. Entre moitas cousas, as veciñas queixáronse do estado do firme e das canalizacións e, en xeral, da falta de mantemento no seu barrio. Este abandono, tal como denunciou a asociación veciñal, está a favorecer focos de insalubridade (ratas, insectos, humidades nas casas…).

Para o concelleiro do BNG, Henrique del Río, “basta unha visita ao barrio: salta á vista a falta de limpeza. O peor é que isto se repite todos os outonos. Botamos en falta algo máis de previsión por parte do goberno municipal”, lamentou.

A ausencia de previsión ou a mesma inacción do goberno, denuncia o BNG, non se explica por descoñecemento. Ben ao contrario, a asociación veciñal informou aos nacionalistas que o goberno fora informado de todo estes problemas en reiteradas ocasións e “a pesar do seu compromiso verbal, a resposta do goberno foi a máis absoluta inacción”, remata Henrique Del Río.

O BNG-AA apoia as demandas das veciñas e pon o foco na inacción dun goberno que apenas se lembra da Madalena e a Condomiña en campaña electoral. O concelleiro nacionalista lembrou no Pleno que “o mantemento e a limpeza do barrio son necesarias sempre” e esixiu por tanto actuacións inmediatas.

Negativa de Fomento a mellorar a seguridade viaria

O BNG-Asembleas Abertas levou novamente a pleno a cuestión da seguridade viaria na N-651 e N-VI, ao seu paso pola Madalena e A Angustia. O concelleiro nacionalista, Henrique del Río informou das xestións realizadas polas deputadas do BNG en Madrid e constatou que o Ministerio de Fomento se nega a adoptar medidas adicionais de seguridade viaria requeridas en Betanzos: “o único que admite o goberno español é estudar novas medidas de baixo custo neste tramo”, indicou Del Río.

Tal como indicou o Ministerio “a N-VI ao paso pola Angustia non cumpre os requisitos normativos dunha travesía”. Por este motivo, o goberno español do PP négase a colocar na Angustia o paso de cebra demandado pola veciñanza. O BNG-Asembleas Abertas lamenta que o goberno español renuncie a regular de algún xeito o cruce da Madalena (as veciñas pedían semáforos), co pretexto de que son poucos os viandantes ou de que existen pasos de peón nas proximidades.

“Esta estrada parte en dous non só o barrio da Madalena senón tamén o núcleo da Angustia. Pedimos por tanto con toda claridade que o goberno español, por ser estradas de competencia estatal, garanta a seguridade viaria na súa contorna”, concluíu o voceiro nacionalista.

O BNG-Asembleas abertas esixiu ao goberno local solución aos problemas do barrio da Madalena