O BNG-Asembleas abertas denuncia opacidade no proxecto de paseo fluvial a carón do Mandeo

O BNG-Asembleas abertas denuncia opacidade no proxecto de paseo fluvial a carón do Mandeo

O proxecto do paseo a carón do Mandeo non contempla eliminar a flora invasora

Del Río: “A suxestión da Defensora do pobo ten data do 11 de novembro do ano pasado, desde aquelas celebramos xa 3 plenos ordinarios nos que o goberno local puido dar conta da existencia deste documento e a primeira noticia que tivemos foi a través dos medios de comunicación”.

As nacionalistas coinciden nas críticas dos colectivos ecoloxistas e do informe da defensora do pobo.

Betanzos, 29 de febreiro de 2016. O BNG lamentou que o goberno local non informase á Corporación das suxestións que lle enviou a Defensora del Pueblo sobre o proxecto do paseo entre a Cañota e Os Caneiros. “É un tema o suficientemente importante como para darlle conta ao Pleno e non ter que enterarnos a través dos medios de comunicación”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.“É unha proba máis da opacidade con que pretende levar adiante este asunto o PSOE”, relata Del Río.

“A suxestión da Defensora do pobo ten data do 11 de novembro do ano pasado, desde aquelas celebramos xa 3 plenos ordinarios nos que o goberno local puido dar conta da existencia deste documento e a primeira noticia que tivemos foi a través dos medios de comunicación”, explicou o voceiro nacionalista.

“O documento da Defensora del Pueblo coincide con moitas das críticas que fixemos a este proxecto polo impacto que vai ter no ecosistema do río e nunha especie en perigo de extinción como a escribenta”, relata o edil nacionalista. Concretamente, a Defensora solicita ao Concello que lle faga chegar ‘un informe sobre las medidas preventivas e correctoras previstas no Plan de vixilancia ambiental’, “documento que non constaba no expediente e que até onde sabemos non existe”, engadiu Del Río.

A ponte e escolleira que o proxecto prevé instalar nas hortas da Cañota

“A advertencia da Defensora del Pueblo, en resposta a unha asociación, ven a se sumar ao parecer das entidades ecoloxistas da comarca, que xa manifestaron a súa oposición a este paseo tal e como foi deseñado polo PSOE”, indicou o voceiro do BNG-Asembleas abertas, “solicitamos do PSOE que rectifique, que convoque unha xuntanza con todos os colectivos e grupos políticos para escoitar e recoller propostas antes de emprender unha obra coma esta que terá graves consecuencias no noso medio” .

 

O BNG-AA reiterou a súa oposición ao proxecto

 

“Seguimos entendendo que é unha obra totalmente innecesaria e que vai supor degradar un dos poucos treitos virxes do Mandeo”, explica Del Río. Para as nacionalistas “un paseo de madeira na beira do río, dentro da liña de marea, vai ter un custo de mantemento imposíbel de asumir polo Concello”. Por este motivo, insisten en que facer o paseo “é tirar os cartos para beneficiar a unha construtora mentres se estraga o río e se hipoteca o Concello”.

 

 

 

O máis de medio millón de euros estaría moito mellor investido na rehabilitación do Casco Histórico ou na recuperación do Pasatempo

 

 

 

Neste sentido, sosteñen que “se de facer investimentos turísticos se trata, o máis de medio millón de euros que o PSOE quere estragar neste paseo innecesario estarían moito mellor investidos na rehabilitación do Casco Histórico ou na recuperación do Pasatempo”.