O BNG-Asembleas abertas decidirá esta noite nunha asemblea aberta a súa posición sobre o PXOM

O BNG-Asembleas abertas decidirá esta noite nunha asemblea aberta a súa posición sobre o PXOM

grupoalameda“O PSOE xa tiña o Plan Xeral listo antes das eleccións municipais e non o levaron a aprobación por intereses electorais, e agora veñen coas présas porque o Parlamento acaba de aprobar a lei do solo cando era sabido que o cambio lexislativo se ía producir”

Betanzos, 22 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas abertas lamentou hoxe que o goberno local intente culpabilizar á oposición de que Betanzos teña ou non Plan Xeral. “É evidente que Betanzos precisa un plan urbanístico, como o era tamén hai dous anos” indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “O PSOE xa tiña o Plan Xeral listo antes das eleccións municipais e non o levaron a aprobación por intereses electorais, e agora veñen coas présas porque o Parlamento acaba de aprobar a lei do solo cando era sabido que o cambio lexislativo se ía producir”, denunciou.

As nacionalistas entenden que Betanzos precisa un plan xeral, “mais non calquera plan xeral”. “Miño ten plan xeral, Barreiros tamén, proba evidente de que non serve calquera plan xeral”, indicou o edil nacionalista.

Desde o BNG-Asembleas Abertas sosteñen que o debate sobre o plan xeral non é cuestión “dunha xuntanza co equipo redactor, como sostén o goberno local”. “É un problema de modelo e resulta que o modelo do PP válelle ao PSOE, algo que debera dar que pensar”, ironiza Del Río.

“Agora son todo présas por parte do PSOE, política de feitos consumados para impoñer o seu modelo de cidade para as próximas décadas sen contrastar opinións nin buscar acordos”, indica o voceiro nacionalista. “En febreiro do ano pasado o plan estaba listo e non tiveron présa por avanzar porque había unhas eleccións municipais”, relata.

O BNG-Asembleas Abertas celebrará esta noite unha asemblea aberta a calquera persoa que queira participar para decidir a súa postura ante o proxecto de Plan Xeral elaborado polo goberno municipal do PSOE. “Valoraremos na asemblea o documento urbanístico e decidiremos o noso posicionamento público tomando decisións colectivamente, como sempre facemos no BNG”, concluíu o voceiro nacionalista.