O BNG-Asembleas Abertas comprométese a cumprir “dunha vez” a Lei de Memoria Histórica

O BNG-Asembleas Abertas comprométese a cumprir “dunha vez” a Lei de Memoria Histórica

O betanceiro Manuel Crestar plasmou así a represión franquista en Betanzos

“Onte o PSOE se acordou de levarlle unhas flores a unha bandeira para homenaxear a República, pero o resto do ano agravia a memoria das persoas represaliadas polo franquismo ao manter as honras públicas aos cómplices dos asasinos”

Betanzos, 15 de abril de 2015. O BNG-Asembleas Abertas comprometeuse no próximo mandato municipal a aplicar a Lei de Memoria Histórica e retirarlle as honras públicas a todos os xerarcas franquistas que aínda se asoman ao rueiro de Betanzos. O candidato nacionalista, Henrique del Río, fixo este compromiso a raíz da deixación e dobre moral política do goberno local do PSOE “que se acorda onte de lle levar unhas flores a unha bandeira para homenaxear a República, pero o resto do ano agravia a memoria das persoas represaliadas polo franquismo ao manter as honras públicas aos cómplices dos asasinos”.

Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas afirma que terminará coa conduta que “o goberno do PSOE levou a cabo nestes catro anos resistíndose a aplicar unha lei impulsada por eles mesmos no Estado. “Trátase de cambiar apenas media ducia de pracas das rúas, pero supón reparar a memoria das vítimas dos fascistas, tanto das que foron asasinadas como das que sufriron humillacións públicas por anos”, engade o nacionalista.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas manifestou ademais que “non só non se aplica a lei e os diferentes acordos que o Pleno aprobou para retirar todas as honras aos franquistas, senón que o PSOE anuncia fachendoso nos medios de comunicación que acaba de colocar unha praca na rúa Martín Ballestero, dedicada a un gobernador civil e xefe da Falange”. “Era o momento de renomear a rúa e rotulala para facerlle a vida máis doada á veciñanza”, asegura.

“A fama de ser a cidade que máis honras públicas aos franquistas consérvaa a Coruña, pero en proporción Betanzos ten moitos máis recoñecementos aos fascistas, e o goberno municipal do PSOE é o principal motivo disto”, lamentan desde o BNG.

BNG-Asembleas Abertas retirará todas as honras públicas aos franquistas

“Ningunha persoa que colaborou activa e decididamente en manter o réxime nacido do golpe de estado do 1936 ocupando cargos públicos merece o recoñecemento dunha sociedade democrática” sosteñen os nacionalistas. Por este motivo, BNG-Asembleas Abertas incluirá no seu programa un apartado sobre a memoria histórica.

BNG-Asembleas Abertas comprométese a retirar todas as honras públicas que Betanzos mantén aínda hoxe a todos os xerarcas fascistas e a impulsar a rehabilitación social das vítimas do franquismo. “É unha cuestión de xustiza e é o mínimo que pode facer unha sociedade democrática”, explica o candidato de BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.

“As vítimas do franquismo, tanto as persoas que foron asasinadas, como as que foron represaliadas e as súas familias, teñen dereito a unha reparación digna e non discriminatoria e a ver que o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes contra a humanidade remata”, engaden.

Documentación: dúas mocións neste mandato para retirar as honras públicas aos franquistas

Debate plenario sobre moción do BNG en relación a cumprimento da Lei 52-2007 da memoria histórica

Debate plenbario sobre a moción do BNG de apoio a querela arxentina contra os crimenes do franquismo