Anunciamos o noso apoio á moción presentada polos colectivos da comarca para modificar o paseo do Mandeo

Desde o BNG fixeron público que segundo información facilitada hoxe de forma verbal polo secretario municipal, o concello aceptará o recurso do BNG e vai paralizar a licitación da obra

Anunciamos o noso apoio á moción presentada polos colectivos da comarca para modificar o paseo do Mandeo

Desde o BNG fixeron público que segundo información facilitada hoxe de forma verbal polo secretario municipal, o concello aceptará o recurso do BNG e vai paralizar a licitación da obra

Betanzos, 26 de xaneiro de 2017. O BNG anunciou o seu apoio á moción presentada polos colectivos medioambientais e culturais da comarca diante do Pleno de Betanzos, na que se esixe a modificación do proxecto do Paseo a carón do Mandeo, como xa o BNG solicitara nunha moción no mes de xuño do pasado ano. “Apoiamos, como non pode ser doutra maneira, a moción dos movementos asociativos ambientalistas e culturais da nosa comarca que busca concentrar o apoio de todos os grupos políticos que piden a modificación deste proxecto e dotar de máis forza esta petición”, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río. “Segundo nos explicaron os propios colectivos nas súas conversas cos diferentes grupos da oposición anunciáronlles esta moción plenaria e mesmo negociaron con eles parte dos acordos de cara a poder conseguir un apoio unánime á mesma”, engadiu o voceiro do BNG.

A proposta que se debaterá o martes no Pleno, coincide no fundamental co que o BNG ven defendendo desde que no ano 2014 se fixese público o proxecto, e polo tanto “estamos en total sintonía coa proposta dos colectivos e parécenos unha boa proposta intentar desde os movementos sociais concentrar toda a contestación social xerada por este proxecto”.

Paralización da licitación da obra

Desde o BNG fixeron público que segundo información facilitada hoxe de forma verbal polo secretario municipal, o concello aceptará o recurso do BNG e vai paralizar a licitación da obra. “Alegrámonos porque este é o primeiro paso para unha solución á situación creada polo goberno ao negarse a modificar o proxecto e licitar sen ter en conta as propostas dos colectivos ambientais. É unha boa noticia e un primeiro paso”, explicou Del Río. “Seguiremos adiante traballando para conseguir unha modificación do proxecto na liña que vimos demandando nós e os diferentes colectivos e que sexa positiva para toda a veciñanza de Betanzos xa que será máis sostíbel e económica de construír e manter”, concluíu.