O BNG advirte de irregularidades na retirada dunha terraza no Campo

O BNG advirte de irregularidades na retirada dunha terraza no Campo

“Non queremos crer que o mesmo PSOE que criticou a ‘malversación de fondos’ cando o PP permitiu explotar as terrazas sen concesión, mantivo até agora a mesma situación irregular”.

Betanzos, 2 de abril de 2013. O BNG reclamou no Pleno explicacións diante da retirada dunha terraza dos Soportais do Campo. Segundo lembraron os nacionalistas no Pleno, “o titular solicitara a terraza no concurso convocado para cubrilas cando xa estaban sendo utilizadas de forma irregular. Segundo o expediente, tiña que abonar ao Concello pola explotación da mesma 4839,53€ en 14 anos”.

As terrazas, construídas con fondos do Plan E polo goberno local do PP e CxB no pasado mandato, custaron 143 000 euros e os hosteleiros dos soportais explótanas por concesión do Concello. Por este motivo, deben abonar unha cantidade anual ao Concello como canon de explotación.

“En que condicións se produciu a retirada da terraza?” preguntaron os nacionalistas ao executivo do PSOE. Desde o BNG, ademais, exixiron coñecer se houbo algunha indemnización por este feito. “Non deberan esperar a cancelar a concesión para levantar a tarima?” cuestionaron.

“Queremos crer que está todo conforme á legalidade” desexou o voceiro nacionalista, “mais no Pleno non se informou do remate de ningunha concesión”. Por este motivo, asegurou que “non queremos crer que o mesmo PSOE que criticou a ‘malversación de fondos’ cando o PP permitiu explotar as terrazas sen concesión, mantivo até agora a mesma situación irregular”. “Aínda que vendo que o PSOE deixou caducar un expediente por outra terraza en Domingo Etcheverría xa cremos calquera cousa”, concluíu.

O BNG, como recordou o seu voceiro, Henrique del Río, foi moi crítico coa instalación destas terrazas con cargo a un plan anticrise, tanto polo dispendio como polas irregularidades cometidas polo goberno local do PP na súa construcción e explotación. “Entendemos que estragar cartos públicos nunhas tarimas de madeira, non é combatir a crise. O mais sorprendente é que agora o PP culpe ao PSOE de provocar o desemprego co famoso Plan E que o PP en Betanzos estragou en tarimas de madeira”, concluiu.

O BNG alegrase de que a presión social conseguira forzar ao PP a licitar o colexio

O BNG celebrou o anuncio de licitación do novo colexio de Betanzos e que o PP finalmente decidira destinar xa a totalidade dos fondos a esta obra necesaria. “Chega máis de 5 anos tarde, pero o importante é que parece que a presión social fixo ceder á Xunta”, indicou o voceiro nacionalista. Con todo, o BNG advirte que vixiará o cumprimento dos prazos e urxiu ao goberno de Feijóo “a garantir profesorado e demais persoal para o novo colexio, non vaia ser que quede a obra finalizada e sen uso, algo que en Betanzos coñecemos demasiado ben”.