O BNG advirte dunha contrata irregular para o mantemento dos xardíns

O BNG advirte dunha contrata irregular para o mantemento dos xardíns

“Non é de recibo baleirar contido as prazas de persoal do Concello mentres se contrata empresas externas para facer as mesmas tarefas, a incapacidade do PSOE para organizar o traballo do persoal municipal vai obrigar á veciñanza a pagar dúas veces para ver os xardíns coidados”.

Betanzos, 8 de abril de 2013. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE sacase un anuncio para a corta do céspede dos xardíns do centro urbano durante oito meses. Os nacionalistas consideran que o goberno local só busca eludir un concurso público, a xulgar polo prezo máximo para o contrato- 17 672,78 €- ou a duración do mesmo- 8 meses. “Ou estan dicindo que só van cortar a herba oito meses ou están recoñecendo que están fraccionando o contrato para saltarse a Lei de Contratos”, advirte o voceiro do BNG, Henrique del Río.

“Se o PSOE tivese intención de sacar a concurso o mantemento dos xardíns, faría un concurso público incluíndo todos os traballos de xardinería do ano”, censuran desde o BNG. “Que non o faga é recoñecer que fracciona os contratos para darllos a quen quere como contrato menor”, conclúe.

“O goberno do PSOE está dilapidando os cartos públicos con contratas como esta” denuncian os nacionalistas. O voceiro do BNG recorda que “o Concello de Betanzos ten 20 operarios para os traballos de xardinería e mantemento”. “A incapacidade do PSOE para organizar o traballo do persoal municipal vai obrigar á veciñanza a pagar dúas veces para ver os xardíns coidados”, resume o edil do BNG.

O BNG asegura que “cos medios que ten actualmente o Concello poden atenderse estes traballos perfectamente” e acusan ao PSOE de “favorecer a determinadas empresas con este proceder”. “Non é de recibo baleirar contido as prazas de persoal do Concello mentres se contrata empresas externas para facer as mesmas tarefas”, denunciou. “Abonda con que o goberno asigne tarefas ao persoal que o Concello xa ten e non estrague recursos como ven facendo, como foi o caso do xardineiro que tiña en exclusiva dedicado ao céspede do García Irmáns en lugar de asignalo ás zonas verdes de uso común da veciñanza”, conclúen.

O BNG advirte dunha contrata irregular para o mantemento dos xardíns