O BNG advirte dun sobrecoste no contrato para persoal de apoio ao técnico que organiza as festas

O BNG advirte dun sobrecoste no contrato para persoal de apoio ao técnico que organiza as festas

O BNG reclama que a Feira Franca represente a verdadeira historia da cidade e o país

Segundo as cifras ofrecidas polo goberno local, os gastos da Feira Franca Medieval evidencian que se contratan máis empresas privadas para representacións que antes facía a veciñanza.

Betanzos, 21 de outubro de 2014. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE gastase na Feira Franca Medieval máis dos 60 000 euros previstos nos orzamentos. “En festas, en propaganda, en paparotas e en gastos que nada aportan ao PSOE sempre se lle vai a man e logo recortan no que de verdade fai falla”, lamenta o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas son críticos con algúns dos gastos recollidos nestas contas. “O PSOE contratou por 7302,35 euros unha secretaria para o técnico de desenvolvemento local que organiza os festexos e mais persoal para decorar as rúas”, explica o voceiro nacionalista, que recorda que advertiron que este persoal utilizou dependencias e medios municipais para os seus cometidos “sumando todos os requisitos que a lexislación prevé para falar dun caso de cesión ilegal de traballadores”. “O PSOE terá que explicar o sobrecusto nesta contrata, xa que o contrato foi por 7302,35 euros e sen embargo nas contas fala de 7682,53 euros”, indica, “porque onte na comisión de festas o concelleiro de festas asegurou varias veces que a cantidade respondía só a este contrato e a estes tres operarios”.

“Parte deste persoal participou ademais na comisión técnica da Feira Franca Medieval con voz e voto”, explica Del Río. “Persoal que non é do Concello decidiu sobre bens do Concello, sobre medios do Concello e sobre alugueiro das rúas do Concello”, engaden desde o BNG. “E participou na selección dos postos que concorreron á Feira Franca na comisión e mais manexou a documentación que os artesáns remitiron ao propio Concello”, explican. “Non é de estranar que o PSOE siga ocultándonos o nomeamento desta comisión e as actas das xuntanzas nas que adoptaron os acordos”, denuncian.

“Á vista do que se esmeran o PSOE e os concelleiros de Cultura e Festas en negarnos os datos, todo fai temer que en realidade non hai probas documentais de como se seleccionan os postos que participan na feira e como se adxudican”, lamentan desde o BNG. “Por toda resposta o PSOE achegounos un regulamento que non está publicado en ningún lado e que, polo tanto, non obriga a nada ao Concello nin garante os dereitos dos artesáns”, abundan. “E agora que o Concello está ante os tribunais por unha polbeira sen licenza instalada durante a Feira Franca quen se vai facer responsábel diso?”, pregúntanse desde o BNG.

Os nacionalistas denuncian que, ademais, no epígrafe de gastos en “actuacións teatrais” aparece un pagamento de 8685 euros a unha compañía teatral que, segundo o programa oficial da Feira Franca Medieval, non ofreceu ningún tipo de espectáculo na pasada edición da festa histórica. “O PSOE terá que aclarar a que responde este pagamento”, indican desde o BNG.

Incremento do gasto en empresas que organizan mercados medievais

O BNG cuestiona tamén o gasto cada vez maior en empresas que se dedican a organizar pola súa conta mercados medievais. “Agora o PSOE tamén lle contrata a estas empresas o torneo ou teatro de rúa”, explicou. “O resultado é que traen a mesma actuación que ofrecen en Torrejón de Ardoz ou en Murcia”, critica o nacionalista, que entende que “así se está a convertir a Feira Franca nun mercado medieval calquera dos que agora proliferan- coa baixada de público conseguinte- en lugar de ser unha festa singular e cunha personalidade marcada”, aseguran.

“A lóxica da Feira Franca é pór en valor a Historia medieval de Betanzos e do país”, apunta Del Río, que cuestiona que “non sabemos se é que ao PSOE e antes o PP lles resulta incómoda esta etapa da nosa Historia”. “Que nós saibamos na Idade Media falábase galego-portugués e o idioma do país está case ausente desta volta ao pasado”, conclúe.

O BNG advirte dun sobrecoste no contrato para persoal de apoio ao técnico que organiza as festas