O BNG advirte da suba da auga que quere levar adiante o goberno do PSOE

Henrique del Río e María Otero, edís do BNG
O BNG advirte da suba da auga que quere levar adiante o goberno do PSOE

O incremento na factura afectaría ao 27,78 % dos usuarios domésticos (unhas 2978 familias) e ao 61,14% dos usuarios industriais (unhas 199 empresas). O BNG insiste en que unha matrícula segundo o nivel de renda é o máis xusto para o Conservatorio.

Betanzos, 22 de novembro de 2012. O BNG ofreceu esta mañá a súa valoración da suba das taxas municipais que quere levar adiante o goberno local do PSOE. “É sintomático que o goberno local do PSOE se presente a negociar cos outros grupos as subas de impostos sen unha proposta”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que asegurou que “no BNG temos moi claro quen debe pagar o custo da crise, mesmo a nivel municipal”. “O PP recurta o financiamento dos concellos, impide que se endebeden para facer investimentos e prioriza pagar aos bancos, pero polo menos é coherente, o PSOE non e desde logo o BNG non comparte determinadas políticas e por iso aportamos propostas alternativas”, explicou.

Del Río, que compareceu acompañado pola concelleira María Otero, advertiu que “a maiores da suba do IVE da auga até o 10% cando é un ben de primeira necesidade, o goberno local do PSOE propón subir as taxas da auga”. O BNG advertiu do “desequilibrio que hai entre o que se lle desconta aos consumos máis baixos de auga (2,61€) e o que se cobra aos que máis auga consumen (até 262,68 €)”. Isto tradúcese en que o PSOE pretende levar adiante unha suba ao 27,78 % dos chamados usuarios domésticos- domicilios e negocios que non teñen a auga como materia prima-, o que supón 2078 familias. “A suba comeza a partir dun consumo de 18 metros cúbidos por bimestre, que é a partir de onde se sitúa a grande maioría”, explicou. “Polo tanto, estase premiando con esta taxa a existencia de vivendas baleiras ou ocupadas por unha soa persoa”, indicou o voceiro do BNG. “Unha vivenda cun consumo medio duns 30 metros cúbicos pagará 3,48 € máis”, exemplificou.

“O Concello pode saber o número de habitantes por vivenda e facer unha tributación máis xusta en función dos datos que ten”, apuntou o voceiro nacionalista. “Con esta aplicación acrítica da lei de augas do PP non se penaliza ao que estrague auga a caldeiros, senon a unha vivenda na que viven varias persoas”, advertiu Del Río, que lembrou que “calquera entende, ademais, que unha persoa dependente ou unha crianza disparan igualmente o consumo de auga dun domicilio e non é un caso de despilfarrar auga”.

Nos usos industriais- que inclúen os consumos de negocios que teñen a auga por materia prima (hostalaría, perrucarías, talleres, lavandarías...)- a suba alcanza ao 61,14% dos usuarios, o que serían uns 199 negocios. “As subas empezan nun consumo de 17 metros cúbicos, cando son moi poucos os establecementos con este abono que non sobrepasan este consumo”, advertiu. “A modo de exemplo, un bar que gaste 67 metros cúbicos pasará de pagar 157 € a pagar 189, unha suba do 20,82%”, indicou, para denunciar que “estas son as verdadeiras medidas do PSOE para dinamizar a economía local, e logo organiza a Semana do Pincho para lavar a conciencia”.

“Non nos parece xusto cargar as tintas nas PEMES e autónomos logo de que o goberno do PP xa lles subira o IVE e o IRPF”, advertiu. “A concesionaria queda encantada, o PSOE e o PP demostran que fan as mesmas políticas e ao final pagamos os cidadáns de a pé”, resumiu o voceiro do BNG.

O PSOE, sen proposta para paliar o déficit da lancha municipal

“Segundo o goberno local a lancha xenerou este ano un déficit de 7971,45 euros”, explicou Del Río, que cuestionou que, coma noutros asuntos, “o goberno local do PSOE non ten claro que quere facer a este respecto, mentres recurta os investimentos ou pecha o centro de formación ocupacional”.

“Isto é insostíbel”, advertiu Henrique del Río, que recordou que “o BNG xa propuxo sacar a poxa a lancha os días dos Caneiros para que xenere ingresos”. O BNG recordou tamén que “a lancha adquiriuse para dinamización turística e programas de educación ambiental e está a usarse exclusivamente como comedor flotante e para que o alcalde vaia aos Caneiros o día da romaría”.

“As contas da lancha demostran que a austeridade pregoada polo PSOE e o PP de deixar a lancha amarrada o día dos Caneiros é unha falsidade”, asegurou, e insistiu na necesidade de empregar a embarcación municipal para os programas de dinamización turística e de educación ambiental para os que foi adquirida. “Así si que pasaría a ser o servizo público que agora non está a ser”, aseguraron os edís do BNG.

O BNG propón unha matrícula segundo escalóns de renda no Conservatorio

O BNG insistiu na súa proposta de facer unha matrícula progresiva por escalóns de renda para o Conservatorio municipal, con descontos para familias desempregadas e de colectivos en risco de exclusión social. Os nacionalistas lembran que o Valedor do Pobo ordenou rematar coa discriminación tarifaria para veciños de Betanzos ou doutros municipios e cuestionou que “aquí tampouco o PSOE ten unha proposta, senón que deriva a responsabilidade de tomar unha decisión á oposición”.

“A irresponsabilidade do goberno local chega ao punto de propór tres solucións desde o seu punto de vista: cobrar só a taxa para empadroados, cobrar só a de non empadroados ou cobrar a media aritmética entre as dúas”, explicou o voceiro nacionalista. Fronte a isto, lembrou, “o BNG xa propuxo mancomunar este servizo de forma que todos os concellos da comarca colaboren no seu mantemento” evitando así que os veciños e veciñas de Betanzos sosteñan en solitario un servizo que se empresta a toda a comarca. “Pero o alcalde nin está nin se lle espera”, espetou o voceiro nacionalista.

“O importante non é onde reside o alumnado, senón que calquera persoa poida cursar estudos no conservatorio con independencia da renda”, explicaron os edís nacionalistas. “Isto é o progresista e non o que propón o PSOE”, sentenciaron, lembrando que é o sistema de taxa vixente na escola infantil municipal desde hai anos.

O BNG advirte da suba da auga que quere levar adiante o goberno do PSOE