O BNG acusa ao goberno local de mentir e pretender subir a auga e o saneamento

O BNG acusa ao goberno local de mentir e pretender subir a auga e o saneamento

Un vaso da auga da traída tal como saía da billa o pasado mes

Del Río: “vannos subir as taxas da auga e o saneamento para que a empresa que o leva non gañe menos a pesar de que o servizo deixa bastante que desexar ultimamente”.

Betanzos, 23 de novembro de 2013. O BNG advertiu que o goberno local do PSOE pretende subir as taxas de auga e saneamento para beneficiar á empresa concesionaria. “É moi grave mentir á veciñanza por en varios comunicados de prensa asegurando que se conxelan os impostos debido á crise e logo facer unha cousa completamente distinta”, asegurou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Os nacionalistas aseguran que a Intervención municipal emitiu un informe moi crítico coa intención do goberno do PSOE de subir as taxas de saneamento e subministro de auga. O PSOE anunciou que subía a taxa do saneamento debido á instalación de catro novas estacións de bombeo, pero o informe asegura que “o estudo de custes destas instalacións non recolle o presunto desequilibrio da concesión que xustificaría o reequilibrio financeiro do contrato de xestión do servizo público mediante o incremento da retribución vía repercusión tarifaria”. “Quere dicir que a empresa non xustifica que lle vaia custar mais seguir prestando o servizo e que polo tanto non está xustificado ter que pagar máis taxas”, indica o voceiro do BNG, “e que só busca gañar máis a costa da veciñanza”.

“O concesionario tería dereito a este incremento revisor das tarifas pero cuxa finalidade non é a de reequilibrar financeiramente a concesión”, advirte o informe da Intervención municipal. O BNG advirte que todo isto significa que a suba da taxa tería por verdadeiro obxecto que a concesionaria manteña a súa marxe de beneficios e non porque o contrato se altere.

Non semella que o PSOE esté mirando pola veciñanza nin axudándolle a sobrepoñerse á crise

Cunha sentenza do Tribunal Supremo, o informe da Intervención asegura que “a compensación económica non pode converterse nunha garantía a posteriori dos beneficios da empresa nin a subvención pode achegar o íntegro resarcimento dos beneficios deixados de obter”. O mesmo informe advirte de que o que alega a empresa “parece entrar en contradición co principio de risco e ventura que rexe en toda concesión”. “A interventora estános advertindo de que a concesionaria, co visto bo do PSOE, pretende usar a subida de taxas de compensación por se calcularon mal a súa marxe de beneficios”, explica.

“Á vista de todo isto, sería irregular subir a taxa alegando os catro novos bombeos”, explica o voceiro nacionalista. Todas estas consideracións son repetidas pola Intervención a respecto da suba da taxa de abastecemento de auga. “A empresa concesionaria reclama o incremento do IPC pero a proposta de modificación da ordenanza non reflexa tal incremento”, advirte a Intervención.

“Para quen está gobernando o PSOE á vista de todo isto?” pregúntanse desde o BNG. “Desde logo, con todo isto non semella que o PSOE esté mirando pola veciñanza nin axudándolle a sobrepoñerse á crise”, advirten.

O BNG advirte da introdución de novas taxas por conservación do contador e da acometida

“Estas figuras non aparecen na ordenanza en vigor, aprobada en 2012, e a pesar disto a concesionaria estívoas cobrando todo este ano”, advirten os nacionalistas. O recibo do servizo de augas actual reflicte o cobro de 0,50 € por mantemento de contadores e 0,46 € pola acometida. “Estas tarifas si aparecían na ordenanza aprobada en 2011 e que estivo vixente no 2012, pero eran de 0,22 € para a acometida e de 0,24 para o contador”, recordan, “pero como o artigo relativo ás tarifas modificouse en 2012 para o 2013 e non aparece na ordenanza, hai que entender que foi derrogado”. “A concesionaria asegurou o pasado ano que entre usuarios domésticos e industriais sumaba 7860 abonos, cobrándolles esta taxa dos contadores que non figura na ordenanza aínda vixente recadou 23 580 euros, 21 693,60 euros máis se sumamos a taxa de mantemento das acometidas”, explican os nacionalistas. “Son 45273,60 euros cobrados sen que, polo que parece, haxa base legal para facelo”, advirte.

“Estas dúas taxas polo contador e a acometida son unha especie de ‘seguro forzoso’ á que o abonado ten que renunciar expresamente dirixíndose á concesionaria”, explican desde o BNG, “senón cóbrancho sen avisar”. “Son unha trampa, pasas toda a vida pagando por se che rompe un contador, cando o lóxico sería que se hai que substituílo, pagues nos recibos seguintes a súa substitución”, indica o voceiro nacionalista.

“E todo isto para ter o servizo de auga que temos”, advirten os nacionalistas. Desde o BNG recordan os problemas co subministro de auga, que saía avolta da billa desde antes que comezara a tempada de chuvias e insisten nos numerosos problemas de fugas da rede de saneamento que, malia os beneficios da concesionaria, continúan sen repararse. “Amañar as canalizacións non, pero cobrar ben que cobran”, conclúen.

 

Que non te manipulen!

Consulta aquí a ordenanza fiscal da traída vixente no ano 2012 e 2013 e saca as túas conclusións!

O BNG acusa ao goberno local de mentir e pretender subir a auga e o saneamento