O BNG-AA lamenta que o goberno local se negue a amañar urxentemente o problema na escola infantil

O BNG-AA lamenta que o goberno local se negue a amañar urxentemente o problema na escola infantil

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

A falta de persoal xa dura meses e implica o incumprimento da ratio alumnos/docente que establece a lexislación. Ademais obriga a realizar xornadas excesivas ao cadro docente que queda.

Betanzos, 28 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas presentou onte unha moción de urxencia para demandar do goberno local a contratación inmediata de persoal para a escola infantil municipal. “O luns saíron publicadas as bases dun novo proceso de selección, mais este pode alongarse até dous meses”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río; “obviamente, os problemas ocasionados pola falta de persoal non poden agardar tanto tempo”.

O goberno local non cubriu as baixas laborais cando se producían e iso provoca hoxe un incumprimento das ratios de alumnado por docente estabelecida por lei. O problema agrávase, afirma o portavoz do BNG-AA, debido ao aumento da matrícula de alumnos e alumnas en período de adaptación.

Por outro lado, o goberno non só renunciou a cubrir as baixas, senón que exixiu un maior esforzo ao persoal para compensar as baixas. Para o BNG-AA unha carga excesiva de traballo repercute nun inadecuado atendemento dos nenos e nenas e un incumprimento claro da lexislación vixente. O grupo nacionalista denuncia ademais que o goberno local do PSOE é consciente do incumprimento reiterado da ratio en determinadas franxas horarias e que tal incumprimento obriga ao persoal non só á realización continua de horas extraordinarias e xornadas excesivas que impiden a necesaria recuperación para o día seguinte.

No pasado mes de setembro o Pleno aprobou unha iniciativa do BNG-AA que demandaba a inmediata cobertura das baixas, a fin de garantir a calidade do servizo. A situación límite nas escolas de San Francisco xa se arrastra de meses atrás. En setembro foron as propias traballadoras as que o denunciaron diante do goberno local. “Onte no Pleno argumentaron que teñen que manter esta situación porque facer un chamamento de persoal a través dunhas listas xa caducadas sería incumprir a legalidade, mais non teñen tanto problema para incumprir a lei que marca o número de alumnos por docente, cando entendemos que é moito máis grave”, criticou o voceiro nacionalista.

“Hai unhas listas de substitución das que se estivo tirando até agora, como no servizo de axuda no fogar ou limpeza”, explica Del Río. Resulta incoherente, en opinión das nacionalistas, que o goberno local asegure agora que estas listas non serven. Denuncian que desde inicios do 2015 non houbo ningún cambio na lei que impida a cobertura das baixas na escola. Para as nacionalistas podería tratarse dunha estrataxema do PSOE, que busca responsabilizar á Xunta do PP da precariedade da escola infantil na campaña electoral que se nos ven enriba.

Por este motivo, as nacionalistas solicitaron onte no Pleno a cobertura inmediata das baixas, lembrando que a competencia en materia de contratación é do alcalde. O grupo nacionalista pediu ademais que se contrate utilizando excepcionalmente as listas de substitución xa existentes. “O proceso selectivo iniciado o luns pode demorarse até dous meses, demasiado tempo para manter unha situación de emerxencia”, conclúe Del Río.

As nacionalistas lamentan que PSOE e CxG votasen en contra, o que unido á abstención de BN, impide dar unha solución a esta situación límite na escola infantil municipal.

O BNG-AA lamenta que o goberno local se negue a amañar urxentemente o problema na escola infantil